Pestanas principais

O Pleno aproba 16 proxectos por valor de 1,6 millóns de euros que se sufragarán con cargo ao POS+ 2018

Mércores, 20 de decembro de 2017

[20-12-2017] Este martes, 19 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario no que a corporación municipal aprobou por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2018” da Deputación provincial da Coruña. Deste xeito, o Concello de Ames disporá de 1.614.628,84 euros, dos cales 140.000 euros dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica, e 1.474.628,84 a diferentes investimentos. Desta contía, 423.005 euros corresponden a achega provincial de 2018 (antigo POS); 552.355,26 euros son da achega provincial de 2017 (antigo PAS); e 499.268,58 euros do préstamo provincial de 2018 (antigo PAI). O 60% do importe destinado a investimento (884.777 euros) dedicarase a financiar proxectos que se van a executar no rural de Ames.


O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destacou que “se trata dun plan ambicioso e bastante equilibrado que atende as necesidades da veciñanza de Ames. Dentro deste plan recollésense obras de mellora de varias aldeas do rural, obras de mellora das infraestruturas deportivas, obras de mellora da accesibilidade, e mellora de seis parques infantís. Neste plan, máis do 60% do investimento está dedicado a obras no rural. Na edición anterior deste plan investimos máis de 600.000 euros no Milladoiro e nesta ocasión dámoslle maior prioridade a execución de proxectos no rural con preto de 900.000 euros de investimento”.

Dende os grupos municipais da oposición dixeron que o goberno non lles pediu propostas de proxectos para incluír en dito plan, polo que botaron en falta un proceso aberto de diálogo e de presentación de propostas. Asemade, agradeceron que se recolleran proxectos de obras que foron achegados pola oposición noutros momentos e outras obras aprobadas en pleno meses atrás como a mellora do viario de Cantalarrana. Tamén recoñeceron o importante investimento que se vai a facer no rural a través deste plan provincial.

O Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, POS+ 2018, achegáralle ao Concello de Ames un total de 1.614.628,84 euros. Deste importe, 140.000 euros dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica e 1.474.628,84 a investimentos.

Senda peonil da Ponte Nova a Ponte Maceira
A través da achega provincial 2018 (antigo POS), que está dotada de 423.005 euros, vanse a sufragar seis proxectos. Á pavimentación dos viarios interiores en Fraíz e a Moniña en Biduído dedicaranse 151.305,01 euros. Estas dúas actuacións van xuntas pero son dous proxectos diferentes. O terceiro proxecto incluído é a pavimentación dos viarios interiores da urbanización das Mimosas (85.309,19€). Tamén se incluíu a construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova (79.121,65 euros); a construción dunha senda peonil desde a Ponte Nova á Ponte Maceira e a mellora do acceso a Piñor en Agrón (107.269,15€). Estas dúas actuacións, aínda que van xuntas, tamén son dous proxectos diferentes.

A achega provincial 2017 (antigo PAS), que está destinada a obras financeiramente sostibles, ascende á contía de 552.355,26. Desta contía total, 179.247,73 euros serán destinados ao acceso a Carreira e aos viarios do núcleo de Pedras, en Ames. Á ordenación e á mellora viaria de Cantalarrana e do Carballido, en Ortoño, destinaranse 108.383,15 euros. O proxecto do camiño do Santo a Mourigade e de Maguxe ata a ponte de Lapido, tamén en Ortoño, dispón de 144.780,17€. Estas dúas actuacións van xuntas pero son dous proxectos diferentes.

Por outra banda, a obra de acceso de Leboráns a Calo, en Trasmonte, ascende a 88.048,37 euros, mentres que as actuacións que se pretenden realizar por mor da adaptación á normativa en vigor de seis parques infantís do Concello de Ames (catro da zona rural, un de Bertamiráns e outro do Milladoiro) teñen un custo de 31.895,84 euros.

Cubrición de dous parques infantís
A cifra do préstamo provincial que a Deputación realizará ao Concello de Ames no exercicio 2018 (antigo PAI) alcanza os 499.268,58 euros, dos cales 115.835,85€ irán destinados á mellora da seguridade viaria nos centros de ensino secundario e de primaria de Bertamiráns. A pavimentación dos viarios do núcleo de Vilouta, en Tapia, recibirá un total de 112.014,57 euros desta partida. Así mesmo, 81.642,33€ serán destinados á mellora da accesibilidade universal no polideportivo municipal do Milladoiro, mentres que 189.775,83 euros serán destinados á instalación e cubrición da área de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián en Bertamiráns.

O Plan Complementario do ano 2018 inclúe, a maiores, unha achega de 521.445,80 euros. Unha suma que acollerá a realización de diferentes actuacións: a mellora do camiño de Quistiláns ao cemiterio e dos viarios do lugar de Quistiláns, en Bugallido, terá destinados 136.820,22 euros; a rehabilitación de espazos deportivos en Bertamiráns recibirá 101.790,40 euros; a instalación dunha cuberta na área de xogos do parque infantil de Agro da Vella no Milladoiro obterá 190.393,60 euros; e, por último, a mellora da accesibilidade no pavillón municipal de Bertamiráns recibirá 92.441,58 euros.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames construirá canchas de tenis y senda de Ponte Maceira hasta Pontenova"
La Voz de Galicia: "Padrón, Ames, Brión, Tordoia y A Baña aprueban sus proyectos con cargo al Plan de Obras e Servizos"
Lindeiros: "Ames aproba 16 proxectos con cargo ao POS+ 2018"