Pestanas principais

O Pleno aposta pola procura de solucións ante a elevada demanda do servizo municipal de comedores escolares

Mércores, 02 de maio de 2018

[02-05-2018] O pasado luns, 30 de abril, celebrouse un pleno extraordinario para que o concelleiro de Educación dese conta de todas as cuestións relativas aos servizos de conciliación e máis en detalle da situación dos comedores escolares. A falta de datos definitivos falouse en todo momento dos datos provisionais que existen actualmente. O 15 de maio realizarase unha sesión extraordinario do Consello Escolar Municipal para abordar este asunto. Finalmente, acordouse por parte do Pleno seguir na procura de solucións ante a elevada demanda do servizo de comedores. Algunhas das familias que presentaron a solicitude de praza nos comedores escolares de cara ao vindeiro curso asistiron a dito pleno.

Lonxe de cifras, orzamentos, estimacións e posibles medidas, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, avogou por ir á raíz da problemática e “reflexionar e debater sobre algo constante no Concello, a escolarización e os servizos públicos. Mil nenos e nenas non poderán escolarizarse en Ames xa que a Xunta ofrece 2.500 prazas de escolarización no ensino obrigatorio para unha poboación de 3.500 nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Sería imposible construír equipamentos para as necesidades actuais nun ano”.

No tocante ao servizo de comedores, engadiu que “debe seguir sendo xestionado polo Concello. Hai unha cifra máxima de 1.254 usuarios e usuarias para o próximo curso. Chegados a este punto, onde está o teito? A masificación nos centros é inversamente proporcional á calidade do servizo e crecemento pedagóxico. O problema xa non é só de custe”. Asemade, Santomil aclarou que o orzamento municipal de educación representa o 18% do total, sendo o segundo programa en gasto do Concello só por detrás de servizos básicos, e que ningún outro concello de Galicia dedica cantidades semellantes á educación, e máis concretamente a comedores escolares.

O edil de Educación demandou un maior compromiso económico por parte da Xunta de Galicia e emprazou ás administracións e comunidade educativa a “buscar solucións onde se teñen que buscar, no Consello Escolar Municipal. O 15 de maio desenvolverase unha sesión extraordinaria, con datos sobre os que traballar, xa que a día de hoxe non é o momento de ter un debate sen datos fiables. O que non podemos facer hoxe é acordar algo e enganarnos a nós mesmos, porque existe unha ordenanza e un regulamento aos que temos que facer caso. Tampouco se pode defender que os comedores non sexan un servizo universal, como fan o Partido Popular e Pacto por Ames e logo esixir que non quede fóra ninguén. Ou son de conciliación ou son universais. No goberno defendemos que se trata dun servizo de conciliación”.

Intervención dos voceiros dos grupos municipais da oposición e do alcalde
O concelleiro non adscrito, Javier López, manifestou a necesidade de trasladar o debate “ao Consello Escolar Municipal e máis tendo un problema de información, xa que nuns días contaremos con datos reais sobre os que traballar. Hoxe o debate está coxo e debemos esperar a contar con eses datos para facer un esforzo conxunto e buscar solucións”.

Na mesma liña se manifestou o voceiro de Ames Novo ao inicio da súa intervención. Quique Costas entendeu a celebración do pleno como “precipitada xa que, pese a que hai inquietude na comunidade escolar pola problemática, as respostas deben ser serias e rigorosas”. Costas defendeu un “servizo de excelencia que nada ten que ver cos do resto de Galicia. É certo que o nivel de máxima excelencia non se pode manter, pero segue a ser un servizo de excelencia. Nós cremos que a problemática de agora deriva do éxito. Acreditamos que é un servizo básico e que temos que prestar ese servizo a toda a veciñanza que o demande. Probablemente se necesiten máis recursos económicos. Se queremos manter esta rede a Xunta terá que implicarse e chegar aos acordos que sexan necesarios e poñer os medios para que ningún neno ou nena quede fóra do servizo”. Sobre posibles medidas a tomar, Quique Costas manifestou a posibilidade de “buscar espazos, que os hai, e ampliar o monitorado”.

Pacto por Ames, na voz do seu voceiro, Ramón Argibay, defendeu a convocatoria do pleno “porque a xente quere saber da problemática e os datos que coñecemos a día de hoxe non van diferir moito dos de dentro duns días. Estamos a tempo de tomar algunha medida para mitigar o problema e que ningún neno e nena quede fóra dos servizos de conciliación”. García Argibay aludiu a que “se hai vontade se pode buscar unha solución, agora que non hai Plan de Axuste e se poden utilizar os cartos do remanente positivo de tesourería. Hai que ter previsión”.

A voceira do grupo municipal do Partido Popular, Oliva Agra, destacou nas súas intervencións que a súa formación “non veu ao pleno a sacar rédito político e o que queremos e que ningún neno ou nena se quede fóra do servizo. Moitos pais se puxeron en contacto con nós por esta problemática. Queremos unha explicación de por que se chegou a esta situación e dáme a sensación de que o concelleiro de Educación arroxou a toalla”.

O alcalde de Ames, José Miñones, pechou o debate animando ás formacións políticas do Concello a “dialogar na Xunta de voceiros, xa que un diálogo desta índole non se acada nun Pleno”. Sobre as posible medidas a tomar, o rexedor municipal cualificou de “moi grave dicir que hai cartos cando hai unha regra de gasto que cumprir”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames busca solucións á alta demanda nos comedores"
Compostela 24 horas: "Todo por mis hijos. Ames hace balance del pleno extraordinario de lunes centrado en los comedores escolares"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames ve inviable cubrir la demanda de los comedores escolares"
Ames Go: "Comedores: haberá Consello Escolar o día 15. O pleno non resolveu nada"