Este xoves, 28 de marzo, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo no que a Corporación municipal debaterá sobre a segunda modificación puntual do ROM, para regular os supostos de empate na votación e nos que o alcalde vota tamén abstención, e sobre o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da seguridade social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as municipais como consecuencia da modificación do artigo 146, da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Todos estes temas foron tratados previamente nas comisións informativas celebradas este luns 25 de marzo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de marzo.
No pleno ordinario deste mes de marzo abordarase a segunda modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Ames, para regular os supostos de empate na votación e nos que o alcalde vota tamén abstención. O texto que se pretende modificar afecta o último parágrafo do artigo 51 (Sentido do voto), cuxa redacción sería a seguinte: No caso de votacións con resultado de empate, efectuarase unha nova votación e, se persiste o empate, decidirá o voto de calidade do presidente. No suposto de que o voto do alcalde tamén sexa abstención e non poda decidir o empate o asunto entenderase desestimado.
Esta modificación vén derivada dunha moción debatida no pleno ordinario do pasado 31 de xaneiro de 2019 na que se solicitaba do Pleno do Concello de Ames que se instase ao Goberno de España o recoñecemento de Juan Gerardo Guaidó Márquez como presidente interino da República de Venezuela, co obxecto de que sexan convocadas novas eleccións presidenciais coas debidas garantías electorais; e que o Goberno de España lidere no seno da Unión Europea este proceso de transición democrática.
Tras ratificar a urxencia da mesma por unanimidade dos membros presentes da Corporación, e despois das intervencións dos diversos grupos políticos con representación na Corporación, procedeuse a votar a moción cos votos a favor do Partido Popular e de Pacto por Ames. Os/s concelleiros/as de Ames Novo, BNG e maila concelleira de Contigo Pódese, Genma Otero, votaron en contra, mentres que os/as edís do PSdeG e mailos concelleiros/as de Contigo Pódese, Javier García e Silvia Dapena, abstivéronse.
Deste xeito, houbo un empate con 7 votos a favor e 7 votos en contra. Ao existir un empate houbo unha segunda votación, na que se repetiu o votado anteriormente. Así, tivo que decidir o voto de calidade do alcalde. O rexedor municipal mantivo a súa abstención, co que non se puido acudir ao seu voto de calidade para dirimir o empate. Co que, ante esta situación, non se acadou pronunciamento algún no referente a esta moción.
Acordo regulador sobre as situacións de incapacidade temporal
Por outra banda, a Corporación municipal debaterá sobre o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da seguridade social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as do Concello de Ames como consecuencia da modificación do artigo 146 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. A proposta do acordo regulador foi aprobada en Mesa Xeral de Negociación o pasado 12 de marzo de 2019.
Este acordo regulador preséntase ao Pleno tendo en conta o recollido na actual Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, onde se indica que será cada Administración Pública a encargada de determinar, previa negociación colectiva e de acordo cunhas regras, as retribucións a percibir polo persoal ao seu servizo en situación de incapacidade temporal.
En dito acordo establece as seguintes regras. Primeiro, respecto ao persoal funcionario incluído no Réxime da Seguridade Social e ao persoal estatutario e laboral, poderase establecer un complemento retributivo desde o primeiro día de incapacidade temporal que, sumado á prestación do réxime da seguridade social, alcance ata un máximo do 100% das súas retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal.
En segundo lugar, respecto ao persoal funcionario incluído no réxime de mutualismo administrativo, de acordo co réxime retributivo establecido na súa normativa, ademais do subsidio de incapacidade temporal, cada administración pública poderá acordar, previa negociación colectiva, para o período de tempo que non comprenda a aplicación do subsidio de incapacidade temporal, a percepción de ata o 100% das retribucións básicas e complementarias correspondentes as súas retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal. Durante a percepción do subsidio por incapacidade temporal, este poderá ser complementado polo órgano encargado da xestión de persoal, previa negociación colectiva, ata alcanzar como máximo o 100% das retribucións que o funcionario houbera percibido o mes de inicio da incapacidade temporal.





