[26-12-2014] O Concello de Ames celebra este venres, ás 20:00 horas, o pleno ordinario do mes de decembro. Nesta sesión plenaria a corporación municipal deberá abordar a reversión da parcela cedida en favor da Xunta de Galicia, para a construción do parque comarcal de bombeiros no Milladoiro. Outros dos temas que se tratará será a adhesión á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña. Ademais, darase conta da renuncia da concelleira do PP, María Carmen Verde, e da solicitude de expedición de credencial en favor de Ana Ruso. Así mesmo, solicitarase a credencial a favor da concelleira non electa do PSOE, Begoña Gómez.
No pleno de outubro de 2008, o Concello de Ames aprobou a cesión gratuíta á Dirección Xeral de Protección Civil, dependente da Xunta de Galicia, dunha parcela duns 4.669’39 metros situada no sector S-16 “Galdrachán”. O obxecto desta cesión baseábase en que Ames contara cun parque comarcal de bombeiros para dar resposta ás necesidades en materia de emerxencias que puidesen xurdir. Actualmente, o Concello de Ames atópase cuberto no seu servizo de emerxencias a través do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) de Brión, froito da nova organización do mapa de emerxencias de Galicia, acordado entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e as Deputacións Provinciais.
Con anterioridade o Concello de Ames tiña cuberto este servizo a través dun convenio asinado co Concello de Brión, para a prestación asociada dos servizos de Emerxencias e Protección Civil. Xa que na actualidade dito parque non foi construído, proponse someter á consideración da corporación municipal a reversión da citada parcela en favor do Concello de Ames para destinar este terreo a outros fins. Posto que xa transcorreron cinco anos dende a aprobación da cesión, pode considerarse resolta a devandita reversión, cun acordo adoptado por maioría simple dos membros presentes.
Adhesión á central de contratación da Deputación
Por outra parte, a corporación municipal deberá aprobar, se procede, a adhesión do Concello de Ames á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña. Esta ferramenta creouse para facilitarlle aos concellos adheridos unhas condicións económicas máis vantaxosas ao tempo que se simplifica a tramitación administrativa na adquisición de bens e servizos de utilidade para o ente local.
Coa inclusión neste convenio provincial, o Concello de Ames pretende contribuír dun xeito decisivo a incrementar a eficacia da actividade administrativa e reducir o gasto público. A proposta incrementa o plan de contratación administrativo que se puxo en funcionamento na actual lexislatura e que ten como obxectivo a regularización de contratos e a planificación da contratación municipal.
Por último, darase conta da renuncia da concelleira do PP, María Carmen Verde, e da solicitude de expedición de credencial en favor de Ana Ruso, para que pase a formar parte da corporación municipal como nova concelleira do grupo municipal popular. Así mesmo, solicitarase a credencial a favor da concelleira non electa do PSOE, Begoña Gómez, para que tamén se incorpore á corporación municipal do Concello de Ames.




