Pestanas principais

O Pleno abordará o cambio de uso e a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola infantil en Bertamiráns

Martes, 27 de setembro de 2011

[27-09-2011] O Concello de Ames buscou unha nova localización para construír a segunda gardaría de Bertamiráns. A proposta do actual goberno é situar a nova gardaría no contorno do paseo fluvial do río Sar, nunha parcela afectada por unha modificación urbanística do plan parcial Rego dos Pasos Sur, que foi ratificada no pasado pleno do mes de xullo. Agora, o Pleno terá que debater e aprobar, se procede, o cambio de uso da devandita parcela municipal que está situada no polígono APE B7-06 “Rego do pasos sur IV”. A corporación municipal tamén terá que tratar o inicio de expediente de desafectación desta parcela. Outros temas que se tratarán no pleno ordinario do mes de setembro serán unha modificación da base de execución do orzamento municipal, a adhesión ao convenio de colaboración entre a Federación Española de Municipios e Provincias e o Consello Xeral do Notariado, e o convenio de colaboración entre o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia e o Concello de Ames para autoliquidacións do imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Por último abordaranse tres mocións presentadas polo grupo municipal nacionalista.

A sesión plenaria de setembro preséntase cargada de temas que serán debatidos e aprobados, se procede, pola corporación municipal. Un dos temas máis importantes que se abordarán é o cambio de uso e a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola de educación infantil en Bertamiráns.

A corporación municipal aprobou no pleno do pasado mes de xullo, celebrado o pasado 29 de xullo, a modificación do estudo de detalle da área de planeamento específica Rego dos Pasos Sur IV do Plan xeral de ordenación municipal. Este acordo adoptouse cos votos a favor do grupo de goberno e do grupo municipal socialista, mentres que o grupo municipal nacionalista abstívose. Esta área está situada a carón do paseo fluvial de Bertamiráns e nela hai unha parcela de equipamento de 3.389 metros cadrados na que o goberno local pretende situar a futura escola infantil. A corporación municipal tamén terá que tratar o inicio de expediente de desafectación desta parcela.

Outros temas que se tratarán no pleno ordinario do mes de setembro serán unha modificación da base de execución do orzamento municipal, a adhesión ao convenio de colaboración entre a Federación Española de Municipios e Provincias e o Consello Xeral do Notariado, e o convenio de colaboración entre o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia e o Concello de Ames para autoliquidacións do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

Por último abordaranse tres mocións presentadas polo grupo municipal nacionalista. Estas mocións abordan a derrogación da orde pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2010 e 2011; a restitución de axudas aos concellos en materia de normalización lingüística; e as devolucións correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado.