Pestanas principais

O Pleno abordará a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 279.967,02€ con cargo ás aplicacións orzamentarias 2025

Martes, 29 de xullo de 2025

Este xoves, día 31, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de xullo. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2025 con cargo ás aplicacións orzamentarias do orzamento municipal correspondente ao 2025 por importe de 279.967,05 euros. Por outra banda, debaterase sobre a participación na segunda fase do POS+Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña cun importe de 107.713,78 euros para investir en dúas obras. Tamén se abordará a fixación dos festivos locais para o vindeiro ano 2026; a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar á empresa Osventos S.L. (adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar); e a autorización de compatibilidade para o desempeño de actividade profesional privada dunha funcionaria do Concello de Ames. Ademais, abordarase unha moción presentada polo grupo municipal do BNG para a retirada da simboloxía franquista do Concello en cumprimento coa lei de memoria democrática. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de xuño celebrada o pasado 26 de xuño de 2025.

Un dos temas a debater será a aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos 2/2025 por importe de 279.967,02 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias do orzamento municipal 2025. Este importe correspóndese a facturas  e xustificantes da realización de gastos necesarios para o normal funcionamento dos servizos municipais, polo que se pretende executar este crédito extraxudicial para non interromper o funcionamento habitual do Concello. 

A maioría de gastos e facturas pendentes refírense a mantementos de instalacións municipais que se repiten no tempo, así como servizos, actividades ou programas postos en marcha dende fai xa varios anos, e que gozan dunha ampla aceptación para a veciñanza. A aprobación deste gasto a debater non implicaría a merma dos créditos correspondentes aos respectivos programas orzamentais. 

Fixación dos festivos locais 2026
Por outra banda, no pleno correspondente a este mes de xullo, tamén se abordará a fixación dos festivos locais para o ano 2026. A proposta é establecer como festivos locais no vindeiro ano o xoves 14 de maio, correspondendo á Ascensión, e o luns 6 de abril, que corresponde ao Luns de Pascua. 

Ademais, un dos puntos a debater será a aprobación dunha autorización solicitada por unha funcionaria do Concello de Ames para poder compatibilizar o seu posto na Administración co desempeño de actividades profesionais no sector privado. 

Prohibición de contratar á empresa do SAF
Tamén se abordará a tramitación do expediente para impoñer a prohibición de contratar co concello de Ames os servizos da empresa Osventos innovación en servizos S.L., antiga empresa contratista do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), por un período de 3 anos. 

No pleno do pasado mes de abril, aprobouse a resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) entre a empresa Osventos innovación en Servizos, S.L. e o Concello de Ames, tras o incumprimento dunha serie de obrigas contractuais esenciais ao longo da duración do actual contrato, formalizado en marzo do 2023. Nesa mesma sesión plenaria do mes de abril, acordouse a resolución do contrato e a incautación da perda de garantía á empresa, por importe de 132.337,08 euros, xunto coa indemnización que poida proceder a favor do Concello polos danos e prexuízos ocasionados. 

Participación na segunda fase do POS+Adicional 2/2025
O último punto a debater será a aprobación da participación correspondente á segunda fase do POS+Adicional 2/2025 da Deputación Provincial de A Coruña. A contía asignada ao Concello de Ames dentro deste plan é dun total de 613.747,78 euros, dos cales xa se aprobou na primeira fase do POS+Adicional 2/2025 un importe de 506.036,01 euros. Deste xeito, quedaría unha contía restante de 107.713,78 euros para participar nesta segunda fase do plan, coa que se propón realizar novos investimentos sostibles a nivel financeiro e que non figuraban no Plan Complementario ao POS+2025. 

Nesta segunda fase do POS+Adicional 2/2025, o Concello de Ames optou por incluír dúas novas obras. Por unha banda, a pavimentación de viario en Coira, por un valor de 67.317,07 euros, e, por outro lado, a instalación de rego automático no centro de lanzamento de Ventín, cun importe de 40.396,71 euros. 

Mocións políticas 
Ademais, abordarase unha moción presentada polo grupo municipal do BNG, relativa á retirada da simboloxía franquista no Concello, en cumprimento coa Lei de Memoria Democrática entrada en vigor no 2022. Dende o grupo nacionalista, expoñen que seguen existindo no concello elementos contrarios a esta lei, tales como fontes con símbolos franquistas, cruceiros ou placas conmemorativas de caídos no chamado “bando nacional”, entre outros. 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames quiere excluir a la antigua gestora de la Axuda no Fogar de las licitaciones durante tres años

El Correo Gallego: "Ames votará la prohibición de contratar a la firma Osventos"

O Pleno abordará a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 279.967,02€ con cargo ás aplicacións orzamentarias 2025