[29-10-2014] O pleno ordinario do mes de outubro abordará a aprobación da Conta Xeral de 2013, que por segundo ano consecutivo reflicte un remanente de tesourería positivo, e a ordenanza que regulará o servizo do taxi en Ames, un texto que foi consensuado co sector. A sesión plenaria, que terá lugar este xoves, tamén acollerá no apartado de control ao goberno o debate de catro mocións presentadas pola oposición. A Conta Xeral reflicte que o Concello de Ames pechou o 2013 cun remanente de tesourería, o indicador que permite comprobar o nivel de solvencia dunha administración, de máis de 54.289 euros.
Trátase do segundo ano consecutivo no o Concello de Ames acada un remanente de tesourería positivo, confirmando unha melloría nas contas municipais que se iniciou na Conta Xeral de 2012, na que o remanente foi positivo, algo que non acontecía desde o ano 2006. Este dato reflicte a boa evolución das contas municipais nos últimos anos, xa que en 2011 o remanente de tesourería acadara un rexistro negativo récord de -2,1 millóns de euros.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que esta evolución “é froito da xestión do Goberno amiense”, que, segundo destaca, “levou a cabo unha política baseada na seriedade, no rigor orzamentario e no control do endebedamento e na supresión do gasto superfluo, mantendo as políticas sociais e os programas que benefician ao conxunto da poboación”.
Este marco orzamentario permite que o Executivo amiense conxele as taxas e os prezos públicos de cara a 2015. Santiago Amor fai fincapé en que “a boa xestión económica levada a cabo nos últimos anos favorece que se poidan manter un ano máis as taxas municipais sen minguar a calidade dos servizos que se ofrecen aos cidadáns”. O rexedor destaca que “Ames non recorta ningún servizo. É máis, mantéñense todos, incluídos aqueles que diferencian ao noso municipio como son os servizos de conciliación, que cada ano contan con máis usuarios.
En canto ao peche do exercicio 2013, o resultado orzamentario reflicte uns dereitos recoñecidos netos de 19,5 millóns de euros e unhas obrigas recoñecidas de 19,4 millóns de euros. O resultado orzamentario axustado amosa un balance de 918.935 euros positivos.
Alegacións á conta xeral
A conta xeral correspondente ao exercicio económico 2013 foi ditaminada favorablemente o pasado 12 de setembro pola Comisión Informativa Permanente de Economía e Facenda e especial de Contas. Seguidamente, foi publicada no BOP dando inicio a un período de exposición pública de 23 días no que se presentaron alegacións por parte do voceiro grupo municipal socialista.
O informe emitido pola intervención municipal ao respecto de ditas alegacións propón a súa desestimación. En canto á alegación sobre o prazo de presentación da Conta Xeral, o departamento de intervención considera que debe ser desestimada, xa que este feito non incide na validez do expediente, debido a que non afecta ao reflexo da imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados e da execución do orzamento no exercicio 2013.
Sobre a reclamación do PSOE referida á non inclusión do saldo do apartado 413 -que inclúe aos acreedores por obrigas pendentes de imputar ao orzamento- no computo do resultado orzamentario e do remanente de tesourería, a intervención municipal tamén considera que debe ser desestimada, xa que a normativa reguladora do seu cálculo non contempla nin permite a súa toma en consideración. É máis, no seu informe o departamento de intervención subliña que “o limitado saldo da conta 413 segue a ser unha boa nova para os exercicios sucesivos, que deben amparar a súa imputación orzamentaria, sendo este un dos principais problemas do Concello en anos anteriores”.
Servizo de taxi
A sesión plenaria do mes de outubro tamén abordará a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do servizo de taxi, que regulará as tarifas que se aplicarán neste servizo e o cobro mediante taxímetro. Para a elaboración deste texto o Concello de Ames traballou de forma conxunta coa asociación de taxistas de Ames.
A ordenanza aprobouse de xeito inicial en agosto, tras o que se trasladou unha copia do expediente á Comisión de Prezos de Galicia, mediante o seu envío á Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, aos efectos de completar o expediente de elevación de tarifas dos servizos de competencia local. Ademais, a ordenanza someteuse a exposición pública e audiencia dos interesados polo prazo mínimo de 30 días para a presentación de reclamacións e suxestións. Neste período presentáronse dúas alegacións por parte da Asociación de Taxistas de Ames en referencia ao emprego do escudo municipal e á autorización para o uso dos sistemas de radio, teléfono ou calquera outro medio tecnolóxico.
Estas alegacións foron estudadas polo técnico municipal correspondente que propón ao pleno desestimar a primeira, por considerar que é un aspecto que xa ven determinado na ordenanza, e estimar parcialmente a segunda dándolle unha nova redacción para non invadir ámbitos competencias alleos aos do municipio.
Na ordenanza regúlanse as tarifas para o ano 2014 e a colocación de taxímetros en todos os vehículos que ofrezan este servizo, así como outras particularidades do servizo. Cómpre lembrar que o pasado 14 de xullo entrou en vigor a Lei do taxi de Galicia. Dende ese momento o colectivo de taxistas de Ames comezou a empregar o taxímetro, tal e como marca a devandita lei. Para a elaboración da ordenanza o Concello de Ames traballou de forma conxunta coa asociación de taxistas de Ames. O goberno municipal mantivo varias xuntanzas tanto coa anterior como coa actual directiva desta asociación para realizar este documento. Esta ordenanza está totalmente adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia.
Mocións
A sesión plenaria tamén acollerá no apartado de control ao goberno o debate de catro mocións presentadas pola oposición. O grupo municipal socialista presentou dúas: unha sobre a normativa reguladora das bolsas na educación post obrigatoria e outra sobre os centros de saúde. Pola súa banda, os concelleiros non adscritos María Dolores Fernández Álvarez, Alfonso Rey López, María González Gómez, Manuel Ferreiro Santiago, Emilio Martínez Carballeira e Ramón García Argibay presentaron outras dúas mocións. Neste caso, os temas a tratar serán a solicitude de modificacións nos Orzamentos Xerais do Estado e a revisión catastral do municipio.




