Pestanas principais

O Pleno abordará a aprobación da constitución da Asociación do Camiño Ría de Muros - Noia e a prórroga do Ciclo integral da auga

Mércores, 24 de abril de 2019

Este xoves, 25 de abril, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de abril no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación da constitución da Asociación do Camiño Ría de Muros – Noia; da terceira modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames; da primeira prórroga do contrato de xestión do servizo público do Ciclo integral da auga; da proposta de mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario; da novena modificación puntual da RPT consistente nunha nova valoración e adecuación do complemento de destino dos postos da Policía Local; do restablecemento das retribucións minoradas no complemento específico do persoal da Policía Local que foi obxecto de reclasificación profesional; e do Plan de estabilización do emprego temporal. Todos estes temas foron tratados previamente nas comisións informativas celebradas este luns 22 de abril. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de abril.

No pleno ordinario deste mes de abril abordarase a constitución da Asociación do Camiño da Ría de Muros – Noia, así como a aprobación dos seus estatutos e a designación do alcalde, da concelleira de Turismo e da técnica municipal do departamento de Turismo, como representantes municipais. Cómpre lembrar que no pleno do 25 de outubro de 2018 o Pleno aprobou o convenio de colaboración nos traballos de delimitación do Camiño a Santiago da Ría Muros – Noia. Polo tanto, trátase agora de constituír unha asociación que estaría integrada polos concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela. Nun futuro poderán integrarse os concellos polos que transcorra o percorrido do Camiño Ría de Muros - Noia. A finalidade, polo tanto, da asociación é a promoción da ruta xacobea coñecida como Camiño Ría de Muros - Noia.

Outro dos temas que se abordarán será a aprobación da primeira prórroga, polo prazo de 1 ano, do contrato de xestión do servizo público do ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, asinado con Espina & Delfin SL. Durante o primeiro ano de prórroga deberán realizarse as actuacións de mantemento correctivo propias do ano de prórroga e as non executadas durante o período de duración inicial. Con esta primeira prórroga o contrato estendería a súa vixencia ata o 15 de xuño de 2020.

No pleno de abril de 2016 foi aprobado o expediente de licitación da xestión do servizo público Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames. Tras a correspondente licitación o contrato foi adxudicado na sesión plenaria de 29 de decembro de 2016 á licitadora Espina & Delfín SL. O contrato foi formalizado o 27 de xaneiro de 2017, dando inicio á prestación do servizo o 16 de xuño de 2017. A cláusula segunda do contrato asinado regula a prórroga e establece que o prazo de duración do contrato é de 2 anos contados dende a data de inicio da prestación, prorrogables por prazos de 1 ano ata un máximo de 2 anos.

Tamén se tratará a aprobación da terceira modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames. Dito plan foi aprobado no pleno de maio de 2017. Agora é preciso facer unha modificación co obxectivo de incluír a liña de achegas a entidades e clubs deportivos para actividades de escolas deportivas, fomentando a práctica deportiva entre os máis novos; e a liña destinada ao fomento dos servizos de protección civil desenvoltos pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames, creada en 2017. Así mesmo modifícanse algunha liñas de axudas xa existentes en dito plan.

Ademais, debaterase sobre a aprobación da proposta na que se solicita unha mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario no Concello de Ames. Deste xeito, propónselle ao pleno reclamarlle á Consellería de Sanidade a reorganización dos recursos RTSU do 061 de Galicia e que o Concello de Ames poida contar cunha Unidade Soporte Vital Básico (USVA). Ademais, solicitáselle á Consellería de Sanidade realizar un estudo serio e rigoroso sobre a atención urxente, contrastando o número de urxencias atendidas, urxencias trasladadas ao CHUS, tempos de resposta, tempos de asistencia, tempos de traslado ao CHUS, etc. para que se analice a conveniencia de dispoñer dunha Unidade de Soporte Vital Básico (USVA) no Concello de Ames.

Plan de estabilización do emprego temporal
Por outra banda, neste pleno debateranse varios temas que afectan ao persoal municipal. Deste xeito, abordarase a aprobación do Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames. Dito Plan de estabilización foi elaborado e consensuado entre a representación sindical e o goberno municipal nas múltiples reunións mantidas pola Comisión de estabilización.

Este plan, que foi aprobado en Mesa Xeral de Negociación o pasado 10 de abril, foi elaborado ao abeiro do previsto no Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames, que foi aprobado no Pleno ordinario de xaneiro de 2019, coa finalidade do fomento da estabilidade no emprego público municipal e a consecución dos obxectivos legais de redución da temporalidade. O presente Plan de estabilización resultará aplicable ao conxunto do emprego público municipal, con independencia de que as prazas que se convoquen, en execución do mesmo, sexan de persoal laboral ou funcionario.

O desenvolvemento dos procesos selectivos de estabilización materializarase a través da respectivas convocatorias e bases específicas reguladoras, que deberán adecuarse aos criterios fixados neste Plan, así como no Acordo para a Estabilización, e cumprir, en todo caso, cos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade; e antes da súa aprobación pola Alcaldía serán obxecto de tratamento e negociación no seo da Comisión Paritaria de seguimento.

Novena modificación puntual da RPT
Outro dos temas que afecta ao persoal municipal é a novena modificación puntual da RPT, que consiste nunha nova valoración e adecuación do complemento de destino dos postos da Policía Local. Dita adecuación conleva un incremento de nivel co conseguinte incremento retributivo.

Ademais, tratarase o restablecemento das retribucións minoradas no complemento específico do persoal da Policía Local que foi obxecto de reclasificación profesional ao abeiro do disposto na disposición transitoria primeira da Lei 4/2007, de Coordinación de policías locais de Galicia; eliminando, a partir de dito acordo, a minoración retributiva que se lle vén aplicando no complemento específico. De tal xeito que se lle restableza a percepción da totalidade do complemento específico que, segundo a RPT vixente, corresponda aos postos efectivamente ocupados e desempeñados.

O pago de dito restablecemento das retribucións minoradas materializarase de forma gradual, segundo o acordado ao efecto pola Mexa Xeral de Negociación. Acordouse un criterio de aplicación plurianual, a tres anos, que comezaría no presente exercicio, tras a adopción do acordo plenario, e a razón dunha recuperación porcentual mínima (agás mellora posible e previamente acordada pola Mesa Xeral) do 34%, 33% e 33%, respectivamente. Todo iso sen prexuízo das variacións ou modificacións que, por aplicación das previsións legais aplicables en cada momento, puideran resultar pertinentes.

Ligazóns