Pestanas principais

O Plan Impulsa Ames ponse en marcha coa planificación dos traballos que se van realizar cos fondos europeos

Sábado, 24 de xuño de 2017

Hai unas semanas o goberno municipal recibiu a boa nova, a través do BOE, de ser un dos tres Concellos elixidos de toda Galicia que disporá de fondos DUSI pola iniciativa “Impulsa Ames”. Aínda que a día de hoxe non se ten a comunicación oficial e definitiva, si que se acaba de coñecer a puntuación acadada polo proxecto presentado, a cal foi moi superior á obtida na primeira fase. Ames alcanzou na primeira convocatoria unha puntuación de 58.75 quedando a punto e medio de Culleredo, que con 60,25 pechaba a lista de seleccionados daquela convocatoria. Agora, o proxecto “Impulsa Ames” incrementou en 13,5 puntos a súa valoración, alcanzando unha nota moi superior de 72,25 puntos que a sitúa entre as mellores de Galicia.

Nesta segunda convocatoria o Concello de Ames presentou un proxecto moito máis detallado e soubo corrixir aqueles apartados nos que obtivera menor puntuación e que na visita realizada ao Ministerio polo alcalde, o técnico municipal e a consultora, foron coñecidos e estudados con detalle. Así, o plan Impulsa Ames mellorou a puntuación en 7 dos dez apartados, sendo a maior subida na valoración do primeiro punto sobre a identificación inicial de problemas, que foi un dos apartados que peor nota obtivo anteriormente lastrando a nota final, e que agora pasou dun 3 a un 7,5. Son tamén destacadas as subidas nos apartados de participación (de 5,5 a 7,5), no de principios e obxectivos transversais (de 4 a 7) e no de peso de cada obxectivo (de 5 a 7,5). A maioría dos apartados acadaron notas notables con moi boa valoración dos obxectivos do plan.

O apartado con mellor valoración que obtivo nesta nova convocatoria o proxecto amensán foi o de Estrutura do plan e descrición dos recursos, que obtivo unha nota de excelente con 9 puntos e onde se valora que a estratexia recolla as liñas de financiamento ben estruturadas e os equipos de técnicos cualificados para o desenvolvemento e seguimento do proxecto. Precisamente en relación a isto último, o goberno xa comezou a traballar na formación do grupo de participación cidadá e na capacidade administrativa para o proxecto. Nestes días estanse formando a Sección técnica e Administrativa do plan e onde se creará a oficina de seguimento e control da estratexia.

Plan de investimentos
O plan Impulsa Ames deseña as necesidades do Concello no eido urbano a partir do estudio dos problemas. Os investimentos que se plantexan fanse en torno a uns obxectivos temáticos e específicos e conforme aos retos de cohesión social, mellora de mobilidade, dotación de espazos verdes, accesibilidade, fixación de poboación e dinamización local.

Así, no eido social apostarase pola mellora do acceso aos servizos públicos a partir da Administración electrónica e a mellora de dotación e modernización de equipamentos públicos (redes wifi). Outro eixe será a eliminación de barreiras con obras específicas de accesibilidade que continuarán o plan posto en marcha polo goberno ao longo destes dous anos. A mellora da mobilidade e conectividade será un dos investimentos de maior calado cun plan de transporte público entre O Milladoiro e Bertamiráns complementado con transporte baixo demanda.

Tanto a medida anterior como o programa de mellora de consumos enerxéticos coa implantación de sistemas de control luminaria pública e en edificios públicos permitirán abordar o eido climático e enerxético. Estas actuacións complementaranse co investimento que acaba de aprobarse para aforro enerxético do alumeado público do Milladoiro e no que se investirán máis de 300.000 euros cos fondos do POS+ da Deputación.

Humanización de rúas e a creación de sendeiros educativos
En materia urbanística o Impulsa Ames recolle a humanización de rúas e a creación de sendeiros educativos, que permitan a conectividade a pé dos centros escolares de Bertamiráns e do Milladoiro. Tamén se fará un un forte investimento económico no parque central verde do Milladoiro co obxectivo de ampliar o espazo verde do núcleo urbano e que é tan necesario para dispor nesta localidade dun espazo de esparexemento e ocio.

No ámbito demográfico apostarase pola creación dun Centro multifuncional de ocio, cultura e promoción económica e no que se investirán preto de 1,3 millóns de euros. A esta nova oferta sumarase un programa de dinamización comercial e o programa piloto de unidade habitacional de interese social.

Estas son as liñas mestras que ao longo dos vindeiros meses deseñaranse a partir dos diferentes grupos de traballo establecendo as prioridades de inversión e proxectando os orzamentos anuais para levar a cabo, así como os mecanismos de obtención dos fondos que financien os investimentos.

Contido relacionado:


El Correo Gallego: "Humanización y ahorro de energía con Impulsa Ames"

Imaxe da portada da EDUSI Impulsa Ames