Pestanas principais

O plan de mantemento das instalacións semafóricas de Ames permitiu levar a cabo máis de 50 actuacións en tres meses

Luns, 24 de decembro de 2012

[24-12-2012] O Concello de Ames está levando a cabo, a través da empresa Telvent, o mantemento das instalacións semafóricas do municipio. O obxectivo co que traballa o Concello neste eido é mellorar a seguridade viaria e garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías. Nos tres primeiros meses de vixencia do contrato, asinado o pasado mes de agosto, a empresa levou a cabo máis de 50 actuacións encamiñadas a subsanar posibles deficiencias e a mellorar as condicións das instalacións.

Entre os traballos realizados, leváronse a cabo probas de funcionamento dos semáforos para comprobar o seu estado e resposta. Ademais, deuse solución a avarías que presentaban as instalacións semafóricas, repoñendo lámpadas, cóbados de suxeición e outras pezas. En conxunto, revisouse a fondo o estado de conservación dos semáforos e avaliouse as súas condicións técnicas co obxectivo de que cumprisen correctamente as súas funcións.

Desde agosto ata outubro, os traballadores encargáronse da reposición de materiais e da limpeza dos mecanismos dos semáforos do municipio. No marco destas tarefas, repuxéronse materiais (como lámpadas fundidas ou mecanismos defectuosos) e substituíronse os filtros interiores. Ademais, revisouse o estado de conservación dos semáforos, substituíndo aqueles que non estaban funcionando de forma axeitada.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou o contrato do servizo de mantemento das instalacións semafóricas do Concello de Ames o pasado mes de agosto. Con esta adxudicación e a sinatura do contrato, o Goberno de Ames cumpre o seu compromiso de traballar para garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica do municipio, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías.

Ante a imposibilidade de acometer estas reparacións con medios propios municipais, o Concello decidiu sacar a licitación este servizo, co que quedan cubertas as garantías de funcionamento da rede de semáforos. O obxectivo do Goberno amiense é traballar en favor da seguridade viaria e garantir o correcto funcionamento da rede semafórica.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames pasa revista a los semáforos"
El Correo Gallego: "O mantemento das instalacións semafóricas de Ames levou a cabo máis de 50 actuacións"