Pestanas principais

O Plan Ames Progresa inclúe obras, novas instalacións e servizos por valor de 3.503.732 euros

Sábado, 16 de xullo de 2022

O Plan Ames Progresa foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal no pleno ordinario de xullo de 2021, para impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o emprego público. Preto dun ano despois o Concello de Ames está inmerso na tramitación de ditos proxectos. No Ames Progresa están incluídos 25 proxectos de obras, novas instalacións e servizos por valor de 3.503.732 euros, dos cales 1 está adxudicado, 11 en fase de licitación/tramitación e 13 pendentes de iniciar a tramitación ou licitación. O proxecto que foi adxudicado é a obra para construír unha senda peonil de Lapido a Maguxe, na parroquia de Ortoño.

O Plan Ames Progresa ten o obxectivo de dinamizar a economía amesá. Busca impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o emprego público. O orzamento deste ambicioso plan supera os cinco millóns de euros, un forte investimento económico derivado do aforro dos últimos mandatos municipais. Dentro de dito plan recóllense investimentos públicos; fondos para reactivar a cultura, o comercio e a hostalaría; así como para dotar ao Concello de novo patrimonio municipal e reforzar o emprego público.

No Plan Ames Progresa están incluídos 25 proxectos de obras, novas instalacións e servizos por valor de 3.503.732 euros, dos cales 1 está adxudicado, 11 en fase de licitación/tramitación e 13 pendentes de iniciar a tramitación ou licitación. O proxecto que foi adxudicado é a obra para construír unha senda peonil entre os lugares de Lapido e Maguxe, na parroquia de Ortoño. O proxecto foi adxudicado á empresa Mantido SL por un importe de 201.060,18 euros, IVE incluído. A través deste proxecto mellorarase a comunicación entre núcleos, así como a drenaxe e o mantemento do camiño. O proxecto recolle a execución de dous treitos de senda de formigón a ambas marxes do tramo, de 950 e 230 metros de lonxitude.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que este plan conta co apoio de toda a Corporación municipal, como non podía ser doutro xeito, porque é prioritario para dinamizar a economía amesá. Tamén permitirá mellorar infraestruturas existentes e dotar de novos equipamentos ao concello. En obras e diversos servizos vanse a investir tres millóns e medio de euros que xa se comezaron a tramitar. Algunhas desta obras vanse executar este ano e moitas outras executaranse ao longo de 2023”.

Proxectos en fase de licitación
En fase de licitación hai na actualidade 11 proxectos e servizos. Dentro da área de instalacións deportivas están os proxectos para dotar de cuberta a canchas deportivas do Milladoiro (561.832,69 euros); o proxecto para crear unha pista de pádel no Milladoiro (48.000 euros); a creación dunha pista de skate no Milladoiro (40.000 euros) e maila mellora da piscina municipal descuberta do Milladoiro (80.000 euros). Deste xeito, vanse a investir 730.000 euros en instalacións deportivas do Milladoiro.

Dentro da área de pavimentación de vías públicas están incluídos dous proxectos, un para o arranxo e pintado das rúas da urbanización Aldea Nova, que ten un orzamento base de licitación de 243.882,74 euros, e outro para a pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns, que ten un orzamento de 101.358,13 euros. Dentro da área de camiños veciñais hai tres proxecto en fase de licitación. Un é para o arranxo e mellora dos interiores e accesos ao Instrumento (Bugallido/Ortoño), que conta cun orzamento base de licitación de 201.615,04; o segundo para o arranxo e mellora do acceso e interiores das Punxeiras que supón un investimento de 175.148,95 euros; e o terceiro para a mellora da seguridade viaria no rural (actuación incluída nos Orzamentos Participativos de 2020) por 120.000 euros.

Na área de urbanismo está incluído o proxecto de melloras en asfaltados de pistas do rural por 50.000 euros; e na área de gasto de comedores escolares está incluído o proxecto para a creación da central de lavado dos comedores escolares de Ames, que ten un orzamento base de licitación ascende a 150.000 euros.

Proxectos pendentes de licitación
Por outra banda, hai 13 proxectos pendentes de iniciar a tramitación ou licitación. Ditas actuación son, dentro da área de camiños veciñais, a obra de mellora dos camiños interiores do lugar de As Buceleiras (250.000 euros); a realización dunha senda peonil en varios tramos urbanos do Camiño de Santiago (200.000 euros); e a primeira fase para a creación dunha senda peonil de Covas a Bertamiráns (137461,58 euros). Ademais, dentro da área de pavimentación de vías públicas recóllese o proxecto de asfaltado de rúas na urbanización A Peregrina, en Bertamiráns, por 70.605,47 euros.

Na área de urbanismo, planeamento e xestión, está incluído por 150.000 euros a obra para o soterramento da liña de media tensión para construción do CEIP O Milladoiro, e maila elaboración do proxecto de Axenda Urbana que está previsto que teña un custo de arredor de 100.000 euros. Na área de estradas está incluída a mellora dos accesos a Tarrío (Bugallido) por 64.767,83 euros. Ademais, na área de instalación deportivas recóllese unha nova actuación para crear unhas instalacións de atletismo nas que se investirán arredor de 100.000 euros, e na área de patrimonio municipal está previsto a adquisición de novos vehículos por 200.000 euros.

Por último, están pendentes de tramitación a creación dun parque rural e aventura no Milladoiro (50.000 euros); as obras de instalación para a climatización das oficinas xerais do Milladoiro (48.000 euros); a adquisición dun novo camión (100.000 euros); e maila reforma e dotación de mobiliario do local destinado a oficinas en Bertamiráns (60.000 euros).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "En marcha os proxectos para dinamizar a economía amesá"

Plano da senda peonil entre Lapido e Maguxe