Pestanas principais

O persoal municipal recibe este xoves formación en igualdade de xénero e prevención da violencia

Xoves, 20 de outubro de 2016

[20-10-2016] Este xoves, 20 de outubro, o persoal municipal atenderá unha sesión formativa en materia de igualdade de xénero, prevención de violencia de xénero e prostitución no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A charla será impartida por profesionais do programa Vagalume, de Cáritas Diocesana e das Irmás Oblatas. Esta formación obedece ao cumprimento do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, prorrogado polo goberno municipal en decembro de 2015. O consistorio traballa na elaboración dun III Plan que substitúa ao actual.

O persoal do Concello de Ames, tanto traballadores e traballadoras técnicos como políticos, asistirán este xoves 20 de outubro a unha charla formativa en torno á igualdade de xénero. A sesión terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 14:00 horas. A súa celebración obedece ao cumprimento do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de Ames.

Este Plan de Igualdade, polo que actualmente se rexe o Concello de Ames, foi prorrogado na Sesión Ordinaria da Xunta de Goberno Local do 3 de decembro de 2015. Nel prográmanse cinco áreas de intervención diferentes, das que a primeira é a denominada “dando exemplo a favor da igualdade. Este área ten como obxectivo a introdución “de forma efectiva do principio de transversalidade de xénero en todos os ámbitos de traballo do Concello”, de xeito que o organismo municipal actúe de xeito exemplar na intervención a favor da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, e perseguir un efecto multiplicador na cidadanía de Ames.

Dentro desa área de actuación recóllese, entre outras, como unha das actuacións, concretamente a segunda, a de realizar formación específica entre o persoal do Concello, tanto técnico como político, en materia de igualdade. Este compromiso materializarase coa sesión que terá lugar este xoves no Pazo da Peregrina. Nela trataranse contidos relacionados coa igualdade de xénero, a prevención da violencia de xénero, prostitución e trata.

As encargadas da charla serán traballadoras do programa Vagalume, posto en marcha entre Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e as Irmás Oblatas. O programa está especializado en dar apoio e cobertura a mulleres vítimas de trata e explotación sexual ou que viven “en contextos de prostitución”. Vagalume leva a cabo ademais actividades educativas e labores de asesoramento e acompañamento a mulleres. No concello de Ames membros de esta asociación impartiron charlas ao alumnado do IES de Ames sobre xénero, violencia de xénero, prostitución e tratas de persoas.