[03-12-2011] O persoal de cociña e monitores e o de servizos complementarios de Ames recibiron unha charla formativa sobre a prevención, tratamento, e a asistencia dos casos de alerxia e intolerancia a alimentos en idade escolar. A técnica de dietética e nutrición municipal, Rosana Martínez Lago, a vogal da Asociación Española de Alérgicos a Alimentos y Látex (AEPNAA) Dolores Mouriz Cereijo, e a enfermeira do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, Mª Dolores Martínez García foron as persoas que interviron nesta charla á que tamén asistiu o concelleiro de Servizos, Ramón García Argibay e a coordinadora da rede municipal de comedores escolares, MªCecilia Rodríguez Borges. Arredor de 100 traballadores, entre monitores e persoal de cociña asistiron a esta xornada formativa. Esta conferencia é de grande axuda para saber como tratar a nenos e nenas que requiren unha atención especial á hora de comer. Segundo os traballadores municipais tanto pais coma cativos manifestan o seu agrado polo funcionamento dos comedores escolares e os servizos complementarios de Ames.
A charla,comezou cunha conferencia da vogal de AEPNAA, centrada fundamentalmente en temas de prevención e onde se explicaron as opcións que hai que tomar á hora de facer a compra tendo en conta o etiquetado e as precaucións a adoptar para evitar a contaminación dos alimentos.
A continuación interveu a nutricionista municipal, que identificou casos concretos cos que se traballa nos comedores municipais e nos servizos complementarios, Bos días Cole e Tardes Divertidas. É de vital importancia que todos os axentes sociais (as persoas encargadas da matriculación, a nutricionista, o persoal de cociña, os monitores e os propios pais) que teñen contacto cos nenos, conten cunha boa información e teñan conciencia dos filtros de seguridade que deben pasar os alimentos antes de chegar a cada neno en concreto, do mesmo xeito que pode ser determinante que o monitor que atende ao neno na hora da comida saiba se o que ten no prato se corresponde co seu menú.
Hai 17 protocolos de alimentación para tratamentos nutricionais especiais
A nutricionista municipal, Rosana Martínez, explicou tamén os 17 protocolos de alimentación establecidos para máis de 100 nenos e nenas que requiren algún tratamento especial debido a enfermidades, alerxias e intolerancias. Hai un protocolo para ,metabolopatías, absorción á frutosa, intolerancia aos lácteos (trazas si e trazas non), para a intolerancia ao ovo, para produtos do mar ( intolerancia ao marisco, e intolerancia ao pescado), para nenos que non poden tomar alimentos con glute, para o reflujo, para flatulencia, para colesterol, para hipertensión, para dieta rica en fibra, para dieta astrinxente e para control de peso. A nutricionista prepara semanalmente distintas dietas que en moitos casos son supervisadas tamén polos pais durante a fin de semana, trátase polo tanto dun traballo moi coidadoso co que se pretende facilitar a vida dos nenos e nenas e impedir que teñan calquera tipo de problema por causa dunha incorrecta alimentación.
Unha enfermeira do Hospital Clínico de Santiago de Compostela foi a encargada de pechar a conferencia explicando a sintomatoloxía de alerxias e intolerancias e a maneira de actuar ante calquera incidencia. Tamén informou sobre a existencia e funcionamento do programa Alerta Escolar, polo cal o servizo do 061 conta co historial dos nenos que están incluídos nel. A enfermeira rematou a súa intervención cun taller práctico con simuladores de autoinxectores de adrenalina e con autoinxectores en laranxas. A enfermeira explicou tamén síntomas e evolución e incidiu en que un neno alérxico é un neno sano, coa peculiaridade de que non pode comer algúns alimentos, polo que se debe ter coidado de non estigmatizalo.
A rede de comedores de Ames ven detectando dende o ano 2005 un progresivo aumento de alerxias e intolerancias. Debido a que todos os anos se incorpora novo persoal á rede de comedores é aos servizos complementarios e aparece algún caso novo de nenos ou nenas con requirimento especial á hora de comer, é preciso repetir esta charla anualmente e inculcar a importancia da prevención. Todos os profesionais que traballan para que o Concello de Ames dea este servizo fan posible non só que os nenos e nenas se sintan ben fisicamente, senón que tamén sexan felices vendo un prato similar ao dos seus compañeiros, e estando con eles na mesma mesa de idade.





