Pestanas principais

O Pazo da Peregrina foi o escenario dun episodio de “El Camino de Santiago by Julius”

Luns, 08 de agosto de 2022

A veciña de Bertamiráns, Isolina Martínez, será unha das protagonistas do penúltimo episodio de “El Camino de Santiago by Julius”. O chef Julius fixo unha parada no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para da man da nosa veciña Isolina coñecer como se elabora un dos pratos máis típicos do Entroido galego: as orellas. Nesta segunda temporada o chef Julius percorre ao longo de 22 episodios o Camiño do Norte amosando os lugares máis emblemáticos desta ruta mentres descobre saborosas receitas. O episodio da etapa Negreira-Ames emitirase no mes de outubro en Canal Cocina.

“El Camino de Santiago by Julius” é un programa de televisión que se emite na canle temática Canal Cocina. Ao longo de 22 capítulos o chef Julius Bienert percorre o Camiño de Santiago na procura dos sabores tradicionais máis sorprendentes desta ruta milenaria. Son máis de 800 quilómetros a pé para vila a vila descubrir as receitas máis tradicionais e os doces máis saborosos. O chef percorreu na primeira temporada o Camiño Francés dende Saint Jean Pied de Port ata Santiago de Compostela e nesta segunda temporada Julius está a facer o Camiño do Norte. Esta ruta histórica destaca polas paisaxes espectaculares que discorren sobre acantilados, praias salvaxes e localizacións de filmes. É, ademais, un camiño que destaca pola calidade das materias primas; nestas terras o chef atopará as mellores carnes, os mellores peixes e os mellores mariscos.

Precisamente, o penúltimo episodio da segunda temporada de “El Camino de Santiago by Julius” atravesa Ames e fai parada no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para preparar orellas de Entroido. A veciña de Bertamiráns, Isolina Martínez, acompañou ao chef para ensinarlle a preparar unha das receitas máis típicas do Entroido galego “Á miña idade foi toda unha experiencia pero non o dubidei porque levo toda a vida facendo orellas. As orellas dan moito traballo pero que mellor doce que este que é sanísimo, só leva ovos, limón, fariña, lévedo, manteiga, anís e sal”. Cando lle preguntas polo segredo deste doce Isolina teno moi claro “hai que mesturar todos os ingredientes e amasar moi ben, despois hai que esperar a que levede a masa para poder estirala ... antes facíao só coas mans, agora axúdome cun rolo e remato coas mans porque me custa máis, despois hai que fritilas e botarlle azucre” e engade “pero ten que ser mentres aínda están quentes para que chupe o azucre e queden máis saborosas”.

O penúltimo episodio correspóndese coa etapa Ames-Negreira. Neste capítulo o chef visita Brión para cociñar bonito con salsa de cereixas en “Casa Filiberto”; tamén, se achega a Vedra para aprender con María Xosé a preparar potaxe de garavanzos, grelos e chourizo e descobre un asado no restaurante Abrasador Gaia Medieval en Santiago de Compostela.

A segunda temporada de “El Camino de Santiago by Julius” comezou a emitirse no mes de xullo. Concretamente, o capítulo gravado en Ames e que ten a Isolina como unha das protagonistas emitirase no mes de outubro.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Una vecina de Ames enseña al chef Julius a hacer un plato del entroido en el pazo de A Peregrina"

El Correo Gallego: "Julius lévase o secreto da orella amesá"

AMSGO!: "Isolina Martínez participa no penúltimo episodio de “El Camino de Santiago by Julius” de Canal Cocina"

O Pazo da Peregrina foi o escenario dun episodio de “El Camino de Santiago by Julius”

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina foi o escenario dun episodio de “El Camino de Santiago by Julius”
  • O Pazo da Peregrina foi o escenario dun episodio de “El Camino de Santiago by Julius”
  • O Pazo da Peregrina foi o escenario dun episodio de “El Camino de Santiago by Julius”