[11-07-2016] Ás 22:00 horas do venres 8 de xullo comezaba o concerto de María Xosé Silvar, Sés, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Máis dun milleiro de persoas de todas as idades achegáronse para escoitar os temas do seu último álbum: “Tronzar os valos”. A noite, con agradables temperaturas de verán, acompañou e a cantante tivo que alongar a súa estancia no escenario ante un público que reclamaba sen parar máis música.
Sés despediuse o venres expresando que o motivo polo que lle gustara tanto tocar en Bertamiráns fora a mestura de idades do público. Avós e avoas, familias coas crianzas e adolescentes, unha mestura moi propia das festas galegas pero que, engadiu con mágoa, estase a perder. A un dos nenos do público, triste pola marcha da súa irmá de vacacións, adicoulle Sés unha canción.
Mesmo se no concerto soaron os temas do último traballo de Sés, “Tronzar os valos”, a cantante agradeceu a presenza do público tocando algunhas das súas cancións máis coñecidas. Todas elas coas letras reivindicativas e combativas que tanto a caracterizan. “Tempestades de sal”, que fala da opresión de Galicia, “Como eu canto”, unha reivindicación ao canto tradicional galego, ou “Non son fada”, cunha letra marcadamente feminista.
Este concerto enmárcase na programación do Verán Cultural de Ames, que está dentro do programa “Cultura no Camiño”, organizado polo Concello de Ames e a Xunta de Galicia. Este venres, 15 de xullo, outro coñecido músico galego tocará en Ames. Xabier Díaz acompañará ás Maianas no marco das Noites en Vela, concertos gratuítos que o Concello de Ames e o Concello de Negreira organizan na Ponte Maceira á luz das candeas. Comezará ás 22:30 horas.



Contido relacionado

El Correo Gallego: "A música de Sés encheu de verbas reivindicativas o pazo da Peregrina"




