Pestanas principais

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o próximo venres-17 unha xornada formativa para o emprendemento de novos proxectos

Sábado, 11 de abril de 2015

[11-04-2015] A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ames, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, pon en marcha o obradoiro Incubadora de proxectos. Terá lugar o próximo venres 17 de abril, ás 18:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Os interesados poden inscribirse a través do enderezo electrónico omix@concellodeames.org ou chamando ao teléfono 616 083 229.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, anima aos mozos amesáns a inscribirse nestas prácticas de emprendemento xove, porque nun mundo tan competitivo e global cómpre “ter visión ampla das posibilidades, así como iniciativa empresarial á hora de escoller o desenvolvemento profesional de cada un”, segundo precisa.  

A iniciativa, dirixida a estudantes, animadores xuvenís, monitores e asociacións, persegue lograr a participación da mocidade en programas dinamizadores do tecido asociativo e impulsores de iniciativas innovadoras. Nela os participantes recibirán información e asesoramento por parte dos técnicos da Rede Galega de Dinamización Xuvenil para levar a cabo a súa idea ou proxecto.  

A finalidade é mellorar as súas competencias e destrezas á hora de redactar a executar as súas propostas de emprendemento. Ademais, a cita coincidirá coa publicación da orde de axudas enmarcadas no programa autonómico Iniciativa Xove, que financia proxectos xuvenís de ata 4.000 euros.