[14-11-2015] Dous meses despois das mobilizacións levadas a cabo polo sector lácteo galego chega a Ames, da man de Paco Rocha, a exposición “Retratos na Roda”. O autor quere homenaxear, con esta mostra, aos gandeiros e gandeiras que participaron nas protestas do sector. A mostra inaugúrase este luns, 16 de novembro, ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo da exposición.
A Concellaría de Educación e Cultura abre as portas do Pazo da Peregrina á mirada de Paco Rocha, quen achegará o retrato de 15 homes que participaron nas protestas do sector lácteo galego. Unha mostra coa que o autor pretende facer unha homenaxe aos gandeiros e gandeiras e solidarizarse co sector. A exposición inaugúrase este luns, 16 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:30 horas e poderá visitarse de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, sinalou que “o Concello de Ames quere abrir os seus espazos e instalacións aos artistas da contorna. Esta será a primeira mostra dun ciclo de exposicións que se desenvolverá no noso municipio durante os vindeiros meses”.
Mesa do sector lácteo
Ademais da parte expositiva, o Pazo da Peregrina acollerá este xoves, 19 de novembro, ás 19:30 horas, a celebración dunha mesa informativa con representantes implicados no sector lácteo e gandeiro, onde se falara da actual situación. Estarán presentes Manolo Dacal, da Federación Rural Galega, Alerte Lamazares, gandeiro, Edelmiro López, economista, e un responsable de Feiraco.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Paco Rocha expone sus «Retratos na Roda» en Bertamiráns"




