Pestanas principais

O Pazo da Peregrina converterase nun salón de tango este sábado 1 de decembro

Xoves, 29 de novembro de 2018

[29-11-2018] Daniel Rilo, condutor do programa Tangos de la Esquina Sur, incluído na convocatoria de Radio Cidadá de Ames Radio, organiza o espectáculo Apalabrando tangos, este sábado, 1 de decembro, na sala de exposicións do Pazo da Peregrina. O evento, que contará con música en directo, consistirá nun percorrido contextualizado ao longo da tarde por diversos tangos e a súa execución. A entrada será libre e gratuíta.

Tanto os amantes do tango como os interesados nos bailes de salón teñen unha cita este sábado, 1 de decembro, na sala de exposicións do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se realizará o espectáculo Apalabrando Tangos. O acto, conducido por Daniel Rilo, non só se limitará a explicar como debe executarse este baile, tamén se fará un percorrido polas diversas pezas e a explicación do contexto histórico, o autor ou datos de cada unha das cancións.

O evento comezará ás 20.00h e contará con música en directo, interpretada por Alejandro Szabo, encargado do bandoneón, Alejandro Casquero ao piano e Emilce Szabo, que conta cunha voz similar á das primeiras intérpretes do tango. Asemade, contarase coa actuación de Nadia Rilo, que representará unha peza de Astor Piazzolla cun baile fusión de tango e danza do ventre.

Daniel Rilo, mestre de cerimonias de Apalabrando Tangos, tamén conduce o programa Tangos de la Esquina Sur, que se emite os xoves ás 19.00h en Ames Radio, dentro da convocatoria de Radio Cidadá. No programa, que pode escoitarse na frecuencia modulada 107.2, faise un percorrido pola historia do tango a través de diversas pezas, que converteron este baile e a súa música en Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.



Contido relacionado


Lindeiros: "Tangos no Pazo da Peregrina de Ames"
Compostela 24 horas: "O tango será protagonista no Pazo da Peregrina"