[27-01-2011] O departamento de Filosofía do IES de Ames continúa co seu Ciclo de Exposicións Complementarias que este ano leva como nome xenérico "A volta coas viaxes". Onte tivo lugar a charla "Road movies: cine sobre rodas" a cargo de Renata Otero ás 18:30 horas no Pazo da Peregrina, que acolle todas as charlas do ciclo. O sentido deste ciclo pode atoparse no poema do grego Kavafis que se leu no seu acto inaugural deste programa: "a importancia é a viaxe, o percorrido, non a meta".
Onte tivo lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a segunda sesión do ciclo de exposicións complementarias "A volta coas viaxes". A charla "Road movies: cine sobre rodas" a cargo de Renata Otero comezará ás 18:30 horas. O ciclo está organizado polo departamento de Filosofía do IES de Ames que puxo en marcha esta iniciativa por quinto ano consecutivo. O Concello colabora cedendo o espazo físico para a realización destas conferencias ás que están convidada o conxunto da comunidade educativa amiense e toda a veciñanza.
En edicións anteriores, este Ciclo de Exposición Complementarias xirou arredor de temas como a antiga Grecia, a ciencia, a auga ou o amor. Este é o quinto ano consecutivo que o departamento de Filosofía organiza estas charlas temáticas nas que se implican boa parte dos profesores e das profesoras de disciplinas diversas do IES de Ames achegando unhas reflexións para o conxunto da comunidade educativa.
As familias dos alumnos e alumnas, o propio alumnado, o profesorado e o conxunto de veciños e veciñas do Concello teñen daquela unha oportunidade para achegarse a estas ideas e coñecementos. Este ciclo pode sintetizarse no poema do grego Kavafis que foi lido no acto do día 12 que deu comezo ás conferencias: "a importancia é a viaxe, o percorrido, non a meta". O día 19 tivo lugar a primeira charla, "Os buratos de gusano e a viaxe no tempo" a cargo do profesor Suso Fidalgo.
Todas as conferencias do ciclo terán lugar nas tardes dos mércores, agás aquelas que coincidan con períodos de vacacións ou épocas de avaliación. A vindeira charla será o día 2 de febreiro e correrá a cargo de Antonio Vázquez que falará sobre "As viaxes espaciais". "No ancho mar. Guía para non perderse" é o título da exposición da profesora Pilar Tobar que terá lugar o 9 de febreiro. O 16, José Berreichoa falará de "Viaxes paradigmáticas: Cook e os límites do mundo". O 23, Federico Bouza fará o proio con "Fai catro mil anos".
Lucinda Sousa inaugurará o mes de marzo, o día 2, falando dunha "Viaxe dantesca a outro mundo". Para o día 30 do mesmo mes está previsto que Esteban Lestón e Mariel Valiela falen respectivamente de "Viaxes virtuais" e "Viaxes solidarios". Xa no mes de abril, o día 6, Fernando Sainz falará de "Viaxe á barbarie: Gauguin". Para o 13 do mesmo mes está previsto que a profesora Ana Martínez ofreza a conferencia "Outras viaxes: Os estados alterados de conciencia". O 27, Anxo Sampedro, director do departamento de Filosofía e alma mater na creación do ciclo falará de "O periplo de Cartesius".
En maio, o 4, Juan Gil López e Sonia Rohrer exporán o seu traballo "Percorridos sonoros". O 11, Juan C. Yürs ofrecerá a conferencia "Realidade e ficción nas viaxes de Julio Verne". O 18 Margarita Olivar falará de "As mil e unha viaxes" e Mercedes Neira fará unha "Viaxe ao imperio dos sentidos". Esta última sesión do ciclo incluirá, como xa ven sendo tradicional, unha degustación culinaria.




