[26-03-2013] Por segundo ano consecutivo o Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organiza o torneo de fútbol base Ames Cup, que se desenvolverá dende o día 28 ata o 31 de marzo no campo municipal de Bertamiráns. O Pazo da Peregrina acolleu este martes pola mañá a presentación deste evento deportivo, que se realiza durante as vacacións de Semana Santa. No acto de presentación estiveron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. Neste torneo participan un total de 52 equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín pertencentes ás zonas da Coruña, A Estrada, Ames, comarca do Barbanza e da comarca de Santiago de Compostela.
O campo municipal de Bertamiráns acollerá ao longo desta semana a segunda edición do Torneo de fútbol base Bertamiráns FC, Ames Cup. Este ano incrementouse a participación e haberá 52 equipos que compitan nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín. A competición será mixta polo que os equipos poderán estar formados por nenos e nenas. O torneo rexerase polas normas da FIFA e da Federación Española de Fútbol, sendo necesario que o Club inscrito estea en competición esta temporada. Segundo estas normas, o torneo disputarse na modalidade de fútbol 8.
O xoves 28 e venres 29 disputaranse as fases de grupo e as eliminatorias das categorías prebenxamín e benxamín, mentres que o sábado 30 e o domingo 31 xogaranse os partidos correspondentes á categoría alevín. Os equipos estarán encadrados en grupos de tres ou catro equipos cada un. Na primeira fase os equipos enfrontaranse entre eles disputando dous ou tres partidos cada un (dependendo de se o grupo está formado por tres ou catro equipos).
O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificarase para a fase final, mentres que o terceiro e cuarto xogarán a fase de consolación. A segunda fase desenvolverase polo sistema de eliminación directa. Todos os partidos terán unha duración de dous tempos de 12 minutos cada un, excepto nas finais, onde cada parte terá unha duración de 15 minutos. Para resolver calquera dúbida poden poñerse en contacto co Bertamiráns FC a través do número de teléfono 620 875 369.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Cincuenta y dos equipos en el II Torneo de Fútbol Base de Bertamiráns"




