- Tematica
Esta mañá presentouse no Pazo da Peregrina o concerto que ofrecerá o vindeiro sábado, 14 de xuño, o grupo A Pedreira en Bertamiráns. Este espectáculo, é a carta de presentación do último traballo que vén de estrear a agrupación, “Basal”, un disco que sintetiza a música tradicional con outros xéneros musicais coma o rock ou a electrónica. Os convites para o concerto están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
O Pazo da Peregrina acolleu na xornada de hoxe a presentación do concerto que ofrecerá o grupo A Pedreira este vindeiro sábado, 14 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta proposta, enmarcada dentro da programación cultural do Concello de Ames, a agrupación está a presentar “Basal”, o seu último disco, unha obra na que música, psicoloxía, territorio e corpo-casa van da man.
Este grupo está liderado pola artista galega Ugía Pedreira, unha das grandes voces da música tradicional. O seu repertorio abarca folk, rock e jazz, nunha paleta rítmica amplísima tanto de instrumentos orgánicos como electrónicos, sintetizando deste xeito diversos estilos musicais.
Á presentación desta mañá acudiron o alcalde e concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Blas García; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a artista galega e membro do grupo A Pedreira, Ugía Pedreira; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.
Pola súa banda, a artista e líder do grupo A Pedreira, Ugía Pedreira, explicou que “as cancións de Basal están inspiradas na miña familia, dende miña nai co canto popular que herdou do seu avó, ata a miña filla con diversidade funcional e que ten un oído especial para a música. O disco ten fusións con varios estilos musicais. Creo que traballar sobre o que son as bases da música tradicional permíteche unha dose de creación moi ampla”.
Na mesma liña, o secretario xeral da Lingua, subliñou que “é moi positivo traer propostas como a de Ugía Pedreira, sobre todo este ano no que as Letras Galegas están dedicadas a un piar fundamental da nosa cultura como é a transmisión da cultura oral”. Na mesma liña, puxo en valor que “Basal é a hibridación das culturas e a innovación con novas técnicas musicais con novas formas de proxectar. Facer atractivo algo tan patrimonial como é a nosa tradición oral, pero en formatos distintos, é fundamental para preservar no futuro a nosa cultura e a nosa lingua”.
O alcalde e concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “a base coa que organizamos as nosas actividades, sobre todo dentro da nosa programación cultural, sempre vai na liña da promoción da nosa lingua, do galego, porque consideramos que é fundamental e que temos que continuar a traballar para que a nosa cultura e a nosa lingua chegue a todo o mundo, sobre todo ás novas xeracións para que non sintan vergoña de falar e de escoitar música e cultura en galego”.
“Basal” de A Pedreira
O amor pola sonoridade e o significado das palabras que caracterizan a obra de Ugía sustentan este segundo disco en solitario. Unha obra que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa. Cancións entretecidas pola narrativa visual e cotiá da artista no seu hábitat actual, a súa casa natal na Mariña, na procura do básico e orixinario. Unha viaxe polas diferentes Pedreiras, dende a Ugía nai ata a nena cantautora que subiu por vez primeira a un escenario con 14 anos.
Basal é unha fusión de estilos diversos, pintando a música galega desde o magma da composición. Unha viaxe interior confesional centrada na súa liña xenealóxica feminina, nunha paleta rítmica amplísima tanto de instrumentos orgánicos como electrónicos.
Acompañada por Lorena Cachito (batería, percusións, coros), Alejandro Vargas (teclado, sintetizadores) e Mauricio Caruso (guitarra eléctrica), este espectáculo é unha viaxe continental entre a rave e a foliada, o club de jazz e a discoteca dos 80, a danza tribal e os rituais espirituais. Cuba, Brasil e Galiza abrázanse combinando o rock, o jazz, a MPB e o clásico, levando todas as cancións da autora a novos lugares.
Cómpre destacar que este último traballo de A Pedreira foi galardoado co premio na categoría Canción de autora nos XII Premios Martín Códax da Música 2025. Tamén foi nominada aos Premios de la Música Independiente (MIN) e aos Premios de la Academia de la Música de España 2025.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ugía Pedreira leva a Bertamiráns o seu último disco, "unha hibridación das culturas e a innovación""
Diario de Santiago: "O Pazo da Peregrina acolleu a presentación do concerto que ofrecerá A Pedreira este sábado no auditorio de Bertamiráns"















