Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolleu a presentación da segunda edición do Festival de verán Encontros Culturais no Pazo, que se celebrará os días 4 e 11 de xullo

Xoves, 19 de xuño de 2014

[19-06-2014] O Pazo da Peregrina acolleu este xoves, ás 13:00 horas, a presentación da segunda edición do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014, que se celebrará os días 4 e 11 de xullo no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Nesta presentación, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e por varios dos artistas que participarán neste festival, que conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, do programa Cultura no Camiño 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Todas as actividades realizaranse nos exteriores do Pazo da Peregrina.

Esta maña presentouse unha nova edición desta iniciativa, que naceu no ano 2013, con vontade de continuidade e con vocación de converterse nunha cita ineludible dentro do panorama cultural galego. Este festival terá lugar os días 4 e 11 de xullo e, aínda que a actividade central será a música, tamén haberá outros espectáculos escénicos. Para poder desenvolver este festival o Concello de Ames conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, do programa Cultura no Camiño 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, foron os encargados de facer a presentación da segunda edición deste festival. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, destacou que “é un orgullo volver a colaborar con esta iniciativa que se desenvolve nun marco incomparable como é o Pazo da Peregrina de Bertamiráns”. Ademais, explicou que este ano “a Rede de Dinamización Lingüística colabora co espectáculo Os sons do vento que pasa, que tratará de ligar a proximidade que existe entre Galicia e Portugal a través da súa lingua. Este espectáculo percorrerá 36 concellos de Galicia”. Por último, Valentín García, gabou o traballo que está facendo o Concello de Ames en prol da dinamización lingüística.

Nesta presentación tamén estiveron o artista Dani García, que representará o espectáculo Don Gelati, e Monserrat Crespo, que pertence ao grupo Leilía. Monserrat Crespo destacou o “ambiente familiar que ten este evento” e afirmou “para min é un orgullo volver a estar neste festival, xa que o ano pasado xa estiven neste evento co grupo Pesdelán. Nesta ocasión estarei co grupo Leilía e presentaremos o noso último traballo, CONsentimento”. Por outra banda, Dani García tamén salientou a beleza do Pazo da Peregrina que xa coñecía debido a que estivo vivindo dous anos en Bertamiráns e incidiu en para el “é un orgullo formar parte do cartel deste festival de verán”.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, foi o encargado de pechar esta presentación. O rexedor municipal agradeceu “o traballo do departamento de Cultura por poñer en marcha este evento, que naceu no ano 2013, co obxectivo de perdurar no tempo e ir medrando ano a ano”. Santiago Amor destacou “a calidade dos grupos que este ano forman o cartel do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014” e animou “a todas as familias amienses a que se acheguen ao Pazo da Peregrina os venres 4 e 11 de xullo para gozar deste evento musical”.

Programa do festival de verán
O programa do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014 comezará o venres 4 de xullo, ás 20:00 horas coa actuación de Cé Orquestra Pantasma. Trátase dun espectáculo de animación musical. O clásico home orquestra na súa versión para os máis pequenos, con divertidas melodías e cantigas infantís para que participen xogando, cantando e bailando. De seguido, ás 21:30 horas, actuará o grupo amiense A Requinta da Amaía, que impartirá un obradoiro baseado na participación do público no que, con música en directo, aprenderá unha serie de xogos e danzas de grupo sinxelas e tamén pasos de bailes agarrados (pasodobre, valse, polca, mazurca...).

A actuación principal do primeiro día do festival será o concerto de Os Cempés, que comezará ás 22:30 horas. Este grupo presentará o seu último disco, Tentemozo. O repertorio é unha selección de músicas para bailar, as máis fermosas coplas e as mellores melodías do cancioneiro popular, arranxadas polo propio grupo, agás as novas composicións.

O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014 continuará a seguinte semana, o venres 11 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:00 horas coa actuación de Dani García, que representará o espectáculo Don Gelati, unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras e a comunicación co público é constante e dinámica. Principalmente, é un espectáculo de maxia de rúa con grande mobilidade.

Ás 21:30 horas comezará o espectáculo Os sons do vento que pasa, que correrá a cargo de Gonçalo Guerreiro. Trátase dun concerto de fados-pop cantados en galego. Este concerto está promovido pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Os fados acompañados de guitarra eléctrica e pedal de loops, gardan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto á mocidade coma o resto dos públicos.

A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto do grupo Leilía, que presentará o seu último traballo chamado CONsentimento. Máis de vinte anos despois do seu debut, Leilía volve sorprendernos cun espectáculo maduro e fiel ás súas raizames. Unha coidadosa posta en escena e una orixinal instrumentación sitúan a CONsentimento entre as propostas máis interesantes da música de raíz actual.

Obxectivos do festival de verán
O festival de verán, Encontros Culturais no Pazo 2014 ten o obxectivo de impulsar a nosa cultura e a nosa lingua achegándolle á cidadanía produtos culturais de calidade en lingua galega para todos os públicos, especialmente para a mocidade e para un público familiar, debido ás características específicas da poboación deste concello. Tamén se pretende fomentar o interese pola música tradicional, colaborando así na preservación do noso patrimonio inmaterial; dinamizar o e dar a coñecer o patrimonio do Concello de Ames, enchendo de contido cultural un marco singular como é o Pazo da Peregrina de Bertamiráns; e potenciar a participación da cidadanía nas actividades de lecer, de xeito que o público asistente teña un papel activo e non quede só en consumidor pasivo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames achégase á lusofonía dun xeito familiar cos Encontros Culturais"