Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolleu onte a V Festa dos Nomeados, na que se anunciaron os finalistas aos XVI Premios de Teatro María Casares

Venres, 02 de marzo de 2012

[02-03-2012] A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) anunciou onte no Pazo da Peregrina de Bertamiráns os nomes dos finalistas aos XVI Premios de Teatro María Casares no transcurso da V Festa dos Nomeados, que reuniu a máis de 150 profesionais do sector e que estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor. “Citizen Total”, de Chévere, e “A ópera dos tres reás”, do Centro Dramático Galego, obtiveron 8 nomeamentos. Son as obras que contan cun maior número de finalistas.


Un total de 11 espectáculos dos 30 que se presentaban conseguiron algún nomeamento para estes galardóns. En total, 261 candidaturas profesionais das artes escénicas e audiovisuais eran aspirantes nalgunha das 13 categorías: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Segundo o número de nomamentos, a relación de finalistas é a seguinte: "Citizen Total", de Chévere, e "A ópera dos tres reás", do Centro Dramático Galego, obtiveron 8 nomeamentos; "Oeste Solitario", de Producións Teatráis Excéntricas, acadou 6 nomeamentos; "E.R. Algún día traballaremos xuntas", do Teatro do Atlántico, 4; "O Florido Pénsil", de Eme2 emoción e arte, "Tango", de Sarabela Teatro, e máis "Piratas", de Teatro do Noroeste, conseguiron 3 cada unha; "Pelos na Lingua", de Talía Teatro, logrou 2 postos de finalistas; por último, "American Café", de Teatro do Morcego, "Soños", de Bichakadela, e "0,7% Molotov", de Teatro de Ningures, contarán con 1 nomeamento de finalista na Gala dos Premios María Casares.


Tras a benvida do presidente da AAAG, Antonio Durán "Morris", proclamáronse os nomeados, aos que se lles fixo entrega dun diploma acreditativo e unha xerra, réplica en miniatura da figura que representa o premio María Casares. A entrega das distincións foi realizada pola representante de Gadisa, Ana Lago; a xerente da AAAG, Marta Orjales; o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey; e o alcalde de Ames, Santiago Amor, quen pechou o acto.

A cerimonia de entrega dos XVI Premios María Casares será o próximo 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e será retransmitida pola TVG. Os XVI Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, da AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Concello de Ames e TVG.