Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolleu o acto de presentación do VIII Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria que organiza o IES de Ames

Xoves, 30 de xaneiro de 2014

[30-01-2014] Este mércores 29 de xaneiro, pola tarde, comezou a oitava edición do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria, que se desenvolverá ata o 30 de abril de 2014 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Este ano o ciclo de conferencias didácticas céntrase na temática do cine. Baixo o título "A voltas co cine" os profesores e profesoras desde centro de ensino impartirán dez charlas abordando esta temática dende diferentes puntos de vista. No acto de presentación estiveron o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e varios concelleiros da corporación municipal. A primeira charla deste programa foi impartida polo profesor, invitado a este ciclo, Miguel Vázquez que falou das "Escolas de película!".

O Pazo da Peregrina acolleu este mércores pasado, pola tarde, o acto de presentación do VIII Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria. O ex-profesor do IES de Ames, Anxo Sampedro, foi o encargado de facer a presentación deste programa que todos os anos organiza o instituto amiense en colaboración co Concello de Ames. A continuación, realizouse un visionado de dúas curtas que se enmarcan dentro do Plan de Alfabetización audiovisual do IES de Ames. A primeira peza audiovisual que se expuxo foi elaborada pola alumna Irene Vázquez, que cursa primeiro da ESO. De seguido, reproduciuse outra curta titulada "A Receita", que foi feita por Mara e Antía Ribeiro.

Tralo visionado das pezas audiovisuais procedeuse á entrega dos premios dos traballos sobre os petroglifos de Ames e do concurso de logos. Arredor das 19:00 comezou a primeira charla deste novo ciclo de conferencias que puxo en marcha o IES de Ames. A profesora organizadora deste ciclo de conferencias, Eva Garea, foi a encargada de facer unha pequena introdución sobre Miguel Vázquez, primeiro poñente deste programa. O profesor invitado impartiu unha conferencia titulada 'Escolas de película!'. A través desta charla Miguel Vázquez abordou a temática educativa no cine.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a directora do IES de Ames, Marisol Louro, foron os encargados de pechar este acto. O rexedor municipal felicitou ao IES de Ames polos últimos premios que recibiron. Santiago Amor desexoulles “que esta oitava edición do ciclo de conferencias sexan un éxito”. Por outra banda, Marisol Louro agradeceu a colaboración do Concello de Ames neste programa coa cesión das instalacións do Pazo da Peregrina. Ademais, a directora do IES quixo “agradecerlle a todos os profesores/as a súa implicación neste proxecto e especialmente a Eva Garea por encargase da súa organización”.

Programa de conferencias
As conferencias terán lugar os mércores, ás 18:30 horas, agás aqueles que coincidan con períodos de vacacións ou épocas fortes de avaliacións. O carácter destas sesións é moi variado, desde exposicións que se poden cualificar de estritamente académicas a outras que teñen carácter de obradoiro, audicións musicais ou exhibición de obras de arte.

O ciclo continúa o mércores 5 de febreiro coa conferencia 'Adolescencia en pantalla grande', a cargo da profesora Renata Otero. Para o 12 de febreiro, Pilar Tobar ten previsto expoñer a charla titulada 'Nun marco incomparable'. A continuación será a quenda para J. Alberto Berriochoa, que o 19 de febreiro ofrecerá a conferencia 'De cando eu ía ao cine'. Xa para rematar o mes de febreiro, o mércores 26, Eva Garea impartirá a charla 'Metáforas filosóficas'.

Sonia Rohrer inaugurará o mes de marzo, o día 12, impartindo a conferencia 'O son das imaxes'. Xa no mes de abril, o día 2, Antonio Vázquez ofrecerá a charla 'Ciencia en Star Trek'. Para o día 9 de abril está prevista a conferencia 'Historia e cine', que impartirá Rosa Martínez. O mércores, 23 de abril, Fernando Sainz falará sobre 'A Segunda Guerra Mundial no cine'. O ciclo de conferencias rematará o día 30 de abril coa charla 'A maxia do cine' a cargo de Margarita Olivar. Esta última sesión do ciclo desenvolverase na biblioteca do IES de Ames.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Alfabetización audiovisual y cine en el IES de Bertamiráns"