[06-06-2014] O Concello de Ames clausurou o programa Amessan 2013-2014 cunha gran festa no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O acto de clausura, que contou coa actuación dun dúo musical e dos participantes no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, celebrouse este xoves, 5 de xuño, pola tarde. A esta festa asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Neste programa, no que participaron un total de 410 persoas dividadas en 24 grupos, impartíronse cinco actividades: xerontoximnasia, ludoteca cognitiva, ao son da sacha, creando fogares e achégate ao inglés.



Este programa, que se desenvolveu entre os meses de outubro e xuño, incluíu as actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, e actividades de manualidades “Creando fogares”. Este ano a principal novidade foi a impartición dun novo obradoiro denominado “Achégate ao inglés”.
Neste programa participaron un total de 410 persoas repartidas en 24 grupos. As actividades do programa Amessan impartíronse en 10 lugares diferentes; Agrón, Ameixenda, Bertamiráns, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Milladoiro, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Durante este curso como novidade o Concello de Ames impartiu cinco novos obradoiros en diferentes parroquias: 4 de ludoteca cognitiva (na Ameixenda, Bugallido, Cruxeiras e Tarroeira) e 1 de manualidades en Trasmonte.
O Pazo da Peregrina acolleu este xoves, 5 de xuño, pola tarde o acto de clausura do programa Amessan 2013-2014. Os veciños e veciñas que participaron neste programa municipal encheron a segundo andar do Pazo para poder ver as actuacións dos tres grupos do obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha” e para gozar da música do dúo amiense Eva e Camilo.
A esta festa tamén asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Ademais, durante este acto, os asistentes puideron visitar a exposición dos traballos elaborados durante este curso na actividade “Creando Fogares”. Estes traballos estiveron expostos no segundo andar do Pazo da Peregrina.
O programa Amessan ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.




