Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolleu a gala de nomeados dos XVII Premios María Casares de Teatro

Xoves, 28 de febreiro de 2013

[28-02-2013] A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de facer público os nomes dos finalistas aos XVII Premios María Casares, a gran festa da escena galega que se celebrará o próximo 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro, na Coruña. Os finalistas déronse a coñecer na VI Festa dos Nomeados, evento que tivo lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames). Máis de 150 profesionais do sector acudiron ao acto, que foi conducido pola actriz Isabel Risco.


Entre os asistentes, atopábanse os representantes de varias entidades colaboradoras dos premios. O alcalde de Ames, Santiago Amor; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Eugenia Martín; e dous concelleiros da corporación municipal amiense, Pilar Candocia (do grupo dos non adscritos) e Francisco Doval (PSOE de Ames); Ana Lago, de GADISA; ou Juan Carlos Fernández Fasero, director da Zona Noroeste da SGAE (Galicia, Asturias e Cantariabria), achegáronse até o Pazo da Peregrina de Bertamiráns e foron os encargados de entregar os diplomas acreditativos aos nomeados.

Finalmente, todos os asistentes puideron degustar uns petiscos ofrecidos por Casa Alongos, de Melide, (www.casaalongos.com) e catar os viños de Altares de Postmarcos e de Toalde.

A cerimonia dos XVII Premio María Casares celebrarase na noite do 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e será retransmitida pola TVG. Os galardóns do teatro galego, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), contan coa colaboración, entre outros, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Fundación AIGSE, GADISA, a Fundación Autor-SGAE e do propio Concello de Ames.

As obras Currículum Vitae, de Redrum Teatro; Decamerón. Historias para tempos ruíns, de Abrapalabra Creacións Escénicas; A función do tequila, de Teatro do Morcego; Malos Hábitos, de Iolanda Muíños e Camila Bossa, e Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo, pero fan que quedemos máis tranquilos, de Ibuprofeno Teatro, lograron dous postos finalistas.

Cun nomeamento sitúanse os espectáculos O fantabuloso cine ambulante dos Irmáns Lumieira, dos Irmáns Lumieira; O profesional, do Centro Dramático Galego; ¡Lalelo!, de Lospregos; Snakizados. Comedia da fin do mundo, de Ancora Produccións; Románticos!, de Producións Teatráis Excéntricas; Kafka e a boneca viaxeira, de Eme2; Nuncabunga, de Elefante Elegante, e Desfeitos, de Teatro Galileo.

O acto foi conducido pola actriz Isabel Risco, quen trouxo até Ames o seu coñecido personaxe Nabiza Girl, e contou coa intervención de Toño Casais, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, quen se encargou de dar a benvida á Festa dos Nomeados. Casais, na súa comparecencia, destacou a calidade de todas as candidaturas presentadas aos María Casares.

En total, 17 espectáculos conseguiron finalmente algún nomeamento nas trece categorías coa que contan os galardóns. Durante o prazo de inscrición aos María Casares, 28 espectáculos e 239 profesionais do sector presentaron as súas candidaturas aos trece apartados dos premios: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, converteuse na montaxe con maior número de finalistas, ao obter un total de 10 nomeamentos, incluíndo ao mellor espectáculo e á dirección. Tokio 3, de Voadora, aspira a 9 galardóns, entre eles tamén o de dirección e espectáculo. O metodo Grönholm, de Talía Teatro, é a terceira produción con maior número de finalistas, ao optar ao premio en 5 categorías. Pola súa banda, o musical Galicia Caníbal, de Filmanova Invest SA, podería acadar até 3 xerras dos María Casares.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O pazo da Peregrina acolleu a gala de nomeados dos XVII premios María Casares"