Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acollerá os días 4 e 5 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2025

Domingo, 22 de xuño de 2025

O jazz volve un ano máis ao Pazo da Peregrina coa celebración da oitava edición do Ames Jazz, unha iniciativa do departamento de Cultura que se desenvolverá o venres 4 e o sábado 5 de xullo. Nesta ocasión, o programa inclúe os concertos dos recoñecidos músicos galegos de Jazz a nivel internacional, Álvaro Vieito, en trío, e Yago Vázquez, tamén en trío. Ademais, haberá unha sesión vermú a cargo de Gloria Pavía e Rafa Morales e o faladoiro “A situación do jazz e da música galega”. A entrada é libre e gratuíta. 

Volverá a soar a música no Pazo da Peregrina os días 4 e 5 de xullo coa celebración da oitava edición do festival Ames Jazz. A principal novidade desta edición será a incorporación na programación dunha sesión vermú durante a xornada do sábado, que se celebrará no local O Transistor. Nesta ocasión, os cabezas de cartel son dous artistas galegos da primeira liña internacional na música Jazz como son Álvaro Vieito e Yago Vázquez.

O festival dará comezo o venres, día 4, ás 22.00 horas, co concerto de Álvaro Vieito, guitarrista galego afincado en Sevilla dende hai moitos anos e que, a día de hoxe, é todo un referente no mundo do Jazz dentro e fóra da nosa comunidade. O artista está a presentar o seu novo proxecto en formato de trío, no que o público poderá gozar dunha experiencia íntima.

Sesión vermú con Gloria Pavía e Rafa Morales
A xornada do sábado comezará a partir das 13.00 horas, coa sesión vermú a cargo do dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales que terá lugar en O Transistor. No seu concerto, interpretarán temas propios pero tamén versionarán outros temas clásicos baixo o seu selo persoal.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, haberá un faladoiro no que se debaterá e falará da situación actual do jazz e da música galega. Estará presentado pola xornalista Ana González, xornalista musical de Praza.gal, e que contará coa participación de; Marta Gómez, xornalista da TVG especializada no sector cultural; Manuel Gutiérrez, pianista de Jazz; e Ánxeles Porto, propietaria do pub de Jazz Borriquita de Belém.

O Ames Jazz poñerá o seu peche final ás 22.00 horas co concerto de Yago Vázquez, pianista vigués que actualmente reside en Nova York e forma parte da primeira fila no mundo do Jazz a nivel internacional. O artista está a presentar o seu novo proxecto, tamén en formato trío, no que deleitará ao público coas súas últimas composicións.

Así mesmo, volverase a contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión meteorolóxica adversa, tanto os concertos como o faladoiro terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Novas relacionadas: 

Diario de Santiago: "O Pazo da Peregrina acollerá os días 4 e 5 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2025"

O Pazo da Peregrina acollerá os días 4 e 5 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2025

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina acollerá os días 4 e 5 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2025
  • O Pazo da Peregrina acollerá os días 4 e 5 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2025
  • O Pazo da Peregrina acollerá os días 4 e 5 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2025