[12-11-2013] O próximo venres 15 de novembro, ás 20:30 horas, o Pazo da Peregrina acollerá unha charla informativa na que se abordará a relación entre as hipotecas e os desafiuzamentos. Este coloquio enmárcase nas accións informativas organizadas pola comisión municipal de desafiuzamentos. A través desta actividade o goberno municipal pretende prestar asesoramento e informar aos veciños e veciñas sobre este tema. Ademais, o Concello de Ames ofrece información e asesoramento sobre esta cuestión no departamento de Benestar Social de Bertamiráns e do Milladoiro.
O Pazo da Peregrina, que está situado na localidade de Bertamiráns, acollerá o vindeiro venres, 15 de novembro, unha charla informativa sobre a relación existente entre as hipotecas e os desafiuzamentos. Nesta charla intervirán Xosé María Rodríguez Fernández, avogado, e Pilar Gutiérrez, da plataforma STOP Desafiuzamentos.
Este charla enmárcase dentro das accións postas en marcha pola comisión municipal dobre desafiuzamentos, que foi posta en marcha o pasado 21 de maio de 2013. Esta comisión ten o obxectivo de atender posibles casos de desafiuzamentos e, principalmente, traballar na súa prevención. Ademais, preténdese dar a coñecer entre a veciñanza amiense a existencia deste grupo de traballo e as posibilidades de información e asesoramento que se ofrecen.
Por outra banda, o Concello de Ames lembra que o departamento municipal de Benestar Social presta información, asesoramento e xestión xurídica a todas aquelas persoas que a precisen por cuestións de vivenda ou por calquera outro asunto de índole social. As persoas que necesiten este asesoramento xurídico poden dirixirse ás Unidades de Servizos Sociais do Concello en Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns) e no Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10).




