Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acollerá a estrea do festival “Arte`n` Rúa” que inclúe obradoiros de arte urbana e un espectáculo multidisciplinar de música e maxia

Martes, 30 de maio de 2017

[30-05-2017] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, María Mariño de Kandengue Arts, produtora do festival, Paula Romero, da Gramola Gominola, e Saúl Cacharrón, de Os tres Tenedores, presentaron esta mañá no Pazo da Peregrina o proxecto de nova creación “Arte`n` Rúa”, que se desenvolverá o sábado, 17 de xuño, no Pazo da Peregrina. Trátase dun espectáculo dinámico, divertido, sorprendente e cheo de ritmo, con hip hop, ragga, rock e moito máis. Unha cita imperdible para pasalo ben en familia. A partir das 12:00 horas haberá obradoiros de graffiti, beatbox, etc. Ademais, pola tarde, a partir das 17:00 horas, actuará o mago Xacobe e haberá concertos a cargo do grupo de música infantil A Gramola Gominola e do trío musical Os Tres Tenedores. Este espectáculo enmárcase dentro do programa "Cultura no Camiño" da Xunta de Galicia.

O sábado, 17 de xuño, estrearase en Ames o festival Arte`n` Rúa que se encadra dentro do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. Este novo proxecto desenvolverase ao longo de toda a xornada. Pola mañá, de 12:00 a 14:00 horas, haberá obradoiros de graffiti (para nenos e nenas que teñan a partir de 8 anos), beatbox (para nenos e nenas que teñan a partir de 5 anos) e danza urbana (para nenos e nenas que teñan a partir de 3 anos). Para participar nestes obradoiros é necesario que os pais e nais dos rapazas e rapazas interesados/as fagan a correspondente inscrición do 1 ao 14 de xuño, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940. Trátase de obradoiros gratuítos, pero o número de prazas é limitado.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradeceu “a colaboración da Xunta de Galicia para celebrar este festival en Ames, que permite poñer en valor os dous camiños de Santiago que discorren polo concello amesán e difundir a cultura propia do país. Tamén teño que agradecer que se pense en Ames para celebrar este tipo de iniciativas debido ao perfil demográfico e social que ten o noso municipio, e que deste xeito garante o éxito deste tipo de espectáculos. Este festival celebrarase no Pazo da peregrina xa que é un espazo moi axeitado para acoller actividades para un público familiar. Coñecemos ben aos grupos que van actuar aquí. Os seus espectáculos son garantía de éxito e tanto nenos/as como adultos terá unha nova oportunidade de gozar coa súa música”.

María Mariño, de Kandengue Arts, explicou que “Arte`n` Rúa é un proxecto multidisciplinar que vai a contar coa participación en directo da Gramola Gominola, Os Tres Tenedores e do mago Xacobe. Todo iso ambientado na cultura urbana con obradoiros de graffiti, hip hop, breakdance, Djs, etc. Pola mañá haberá obradoiro que están pensados para rapaces e rapazas que teñan a partir dos tres anos e neles poderán descubrir o universo da danza urbanas, do beatbox e do graffiti. Son obradoiros con aforo limitado, polo que os nenos e nenas que estean interesados en participar neles deben de inscribirse. Ademais, a partir das 17:00 horas poderán asistir ao espectáculo musical”.

Espectáculo multidisciplinar
Pola tarde, a partir das 17:00 horas, haberá un espectáculo multidisciplinar que contará con garffiti, danza urbana, beatbox, ragga, Djs e coa participación estelar do mago Xacobe e coas actuacións do grupo de música infantil A Gramola Gominola e do trío musical Os Tres Tenedores. Estas actividades desenvolveranse ao aire libre, sempre e cando faga un día soleado. No caso de que chova os obradoiros e o resto de espectáculos realizaranse dentro das instalacións do Pazo da Peregrina.

Paula Romero, da Gramola Gominola, destacou que “é un espectáculo redondo xa que toca varios paus dentro da arte urbana e da música”. Por último, Saúl Cacharrón, de Os tres Tenedores, dixo “nós somos dunha xeración na que xogábamos moito na rúa, polo que a través deste festival intentaremos que os rapaces e rapazas non perdan ese hábito tan bo que tiñamos nos cando eramos máis novos. Que se animen a vir todos e todas a este festival xa que van a poder gozar de espectáculos moi variados”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns acoge el día 17 de junio el festival Arte na Rúa"