Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acollerá este venres unha charla-coloquio sobre as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR)

Martes, 18 de outubro de 2011

[18-10-2011] O vindeiro venres, 21 de outubro ás 20.00 h no Pazo da Peregrina (Bertamiráns), o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto presentará unha información detallada sobre as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) creadas co fin de solventar os problemas derivados da grande fragmentación do monte galego que imposibilitan a súa explotación sostible. Fernández-Couto detallará tamén o borrador do anteproxecto da Lei de montes de Galicia promovida pola Consellería do Medio Rural. A Xunta de Galicia traballa neste borrador coa finalidade de fomentar a xestión forestal a partir dun aproveitamento sostible baseado nas particularidades e necesidades do monte galego.

O borrador da lei ten como obxectivo regular a ordenación, planificación, defensa e aproveitamento do monte galego, como motor económico e xerador de emprego ao mesmo tempo que ordena os aproveitamentos forestais, valorizando a diversificación das actividades e usos que permite o monte (madeira, caza, biomasa, pastoreo, froitos, cogomelos, uso social, etc.).

Dende o Concello de Ames promóvese esta iniciativa co dobre obxectivo de dar a coñecer as SOFOR e o borrador da lei co fin de mellorar a ordenación e xestión do noso monte, obter rendibilidade, sostenibilidade e reducir o abandono e o risco de incendios forestais. A concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade amiense, Eugenia Martín Vicente, anima aos propietarios de terreos forestais, asociacións de veciños, empresas do sector forestal, e veciños en xeral que estén interesados na boa xestión do monte, a que participen nesta charla coloquio que será o vindeiro venres ás 20.00 h no Pazo da Peregrina.

Todos aqueles que desexen máis información poden chamar ao teléfono 981 883 002 extensión 1315 ou 1312 entre as oito da mañá e as tres da tarde.