[11-06-2014] O venres, 13 de xuño, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns-Ames, terá lugar a presentación do libro "Penúltimas tendencias" do poeta amesán Carlos Negro. No acto participarán o editor e o escritor Manuel Bragado e Carlos Negro. Este acto contará coa colaboración das alumnas Carla Vázquez Fernández e Sandra Abel Grandío do IES de Ames e Suevia Rojo Moure do CEP Ventín, que lle prestarán a súa voz a adolescente rebelde que se agocha nos poemas de "Penúltimas tendencias".
Penúltimas tendencias, de Carlos Negro Romero, publicouse en febreiro de 2014 e, en apenas catro meses de percorrido, vai xa pola segunda edición, unha mostra da boa acollida que está tendo este poemario entre os lectores e as lectoras. Esta obra presentouse xa en diversos puntos do país e en varios centros de ensino.
É un libro de versos que rompen as costuras do silencio; un álbum secreto para todas aquelas mozas que procuran una fenda nos valos, máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas; un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo. Porque medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos. Non agardes máis: entra nun universo onde non todo vai ser fashion & cool & chic & sexy.
No texto escoitamos a voz dunha adolescente rebelde, con carácter que se nega a ser unha moza obxecto, unha rapaza que quere pensar por si mesma que quere ser por riba de todo persoa.
Ao longo do poemario, Calos Negro, cunha linguaxe directa e descarnada, desde a óptica da adolescencia, achéganos a temas de actualidade como a situación da muller, a violencia, a inxustiza social, os prototipos dunha sociedade enferma, a publicidade enganosa, a manipulación social etc. É unha obra fundamentalmente dirixida á mocidade e a quen a rodea, que, sen dúbida, propiciará a reflexión sobre o papel das mulleres, nomeadamente das mozas, na sociedade.
Carlos Negro, un dos poetas máis relevantes do ámbito literario galego, naceu en Lalín en 1970 e é veciño de Ortoño no Concello de Ames desde hai xa varios anos. Licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade exerce como profesor de Ensino Secundario. Durante o ano 2004 desempeñou o cargo de secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ademais de diversos poemas na revista Dorna e da súa partición en volumes colectivos como IV Forxa Literaria de Piloño (Vila de Cruces) e antoloxías como Poetízate (Xerais 2006), publicou os libro de poemas As laranxas de alí baba (Letras de Cal, 1998), Far-west (Xerais, 2001), Héleris (2003), premio Johan Carballeira, Cultivos transxénicos (2008), premio de poesía Vitoriano Taibo, Makinaria (Xerais, 2009) e Penúltimas tendencias (Xerais, 2014).
Carlos Negro colaborou en diversos actos culturais do Concello, formando parte do xurado de varias edicións do Certame Literario Concello de Ames e, recentemente, recitando poemas, na homenaxe a Rosalía de Castro que tivo lugar no mes de febreiro na Casa da Cultura de Bertamiráns.




