Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acollerá entre o 15 e o 24 de abril as III Xornadas de Violencia de Xénero do Concello de Ames

Mércores, 10 de abril de 2013

[10-04-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organizou as III Xornadas sobre violencia de xénero, onde se tratará a problemática da violencia de xénero nas mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación. Esta acción formativa, que está dirixida a profesionais do sector e que está aberta ao público xeral, ten unha duración de 40 horas, 26 a distancia utilizando un manual de formación específico e 14 presenciais. Ao remate, o alumnado recibirá un diploma acreditativo da súa asistencia ás xornadas. Estas xornadas, que contan co apoio da Deputación da Coruña, desenvolveranse dende o 15 ata o 24 de abril no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. O acto de inauguración celebrarase o luns 15 de abril, ás 17:30 horas, e contará coa presenza do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín.

O vindeiro luns 15 de abril, ás 17:00 horas, botan a andar as III Xornadas sobre violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames a través da concellaría de Benestar Social. Esta acción formativa dálle continuidade ás primeiras xornadas contra a violencia de xénero realizadas en 2010 e ás segundas, que se celebraron en abril de 2012. Esta iniciativa xurdiu despois de que o Concello de Ames elaborase o Protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero.

A parte presencial realizarase en cinco xornadas, que se desenvolverán entre o 15 e o 24 de abril, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Para completar a parte a distancia os participantes terán que realizar unha serie de exercicios que posteriormente enviarán aos titores/as do curso. Para recibir o diploma das xornadas haberá que realizar os exercicios a distancia e a parte presencial. Estas xornadas, que están dirixidas a profesionais que traballan con vítimas da violencia de xénero e tamén ao público en xeral, tratarán sobre a incidencia desta violencia entre as mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación.

O acto de inauguración celebrarase o luns 15 de abril, ás 17:30 horas, e contará coa presenza do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín. Ademais, ese mesmo día farase entrega da documentación aos participantes e comezarase a impartir a unidade didáctica 1 na que se fará unha introdución e contextualización sobre a problemática da violencia de xénero nas mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación. Para elo, o xerente adxunto do Consorcio Galego de Igualdade, Luis Lorenzo Mur, impartirá unha charla.

Análise xurídico, social, psicolóxico e informativo
Na segunda xornada, que se celebrará o 17 de abril, trataranse os aspectos xurídicos da violencia de xénero cando as mulleres son maiores. Para iso a directora do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de violencia de xénero, Begoña Rivera, impartirá unha conferencia sobre este tema. A terceira xornada, que se desenvolverá o día 22 de abril, dedicarase a tratar a violencia de xénero desde o punto de vista social, incidindo nos aspectos sociolóxicos das mulleres maiores galegas. Nesta terceira xornada intervirá a portavoz da Comisión de Igualdade no Congreso dos Deputados, Marta González.

O punto de vista psicolóxico tamén estará presente nestas xornadas, xa que durante a cuarta xornada, que se desenvolverá o día 23 de abril, trataranse os aspectos psicolóxicos diferenciais das mulleres maiores que sofren este tipo de violencia. Para iso a psicóloga no CIM do Concello de Coirós, Cándida Rodríguez Ferro, fará unha análise sobre os aspectos psicolóxicos que se deben ter en conta na violencia de xénero.

Por último, o día 24 de abril, analizarase a incidencia da violencia de xénero nos medios de comunicación, abordando o tratamento que se fai desta información e a necesidade da prevención da violencia e da promoción da igualdade. Nesta ocasión intervirá a xornalista Carla Reyes. Esta xornada complementarase cunha mesa redonda na que se falará sobre a prostitución en mulleres maiores e o seu incremento debido á crise económica. A mesa redonda estará moderada por Carla Reyes e nela participarán a xornalista María Méndez e o portavoz da Asociación de Homes Galegos Pola Igualdade, Celso Taboada.

Inscrición
Todas as persoas interesadas en asistir a estas xornadas deben saber que se ofertan un total de 40 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para inscribirse hai que cubrir unha ficha de inscrición que se poderá descargar na páxina web municipal. Unha vez cuberta hai que entregala nas Unidades municipais de Servizos Sociais. Para obter máis información, as persoas interesadas poden pórse en contacto coa Unidades de Servizos Sociais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10, teléfono 981535941) e de Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns, 981890964).

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina acollerá as III Xornadas de Violencia de Xénero de Ames"