Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle a segunda reunión da Mesa Local de Comercio

Venres, 13 de maio de 2011

[13-05-2011] O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a segunda xuntanza da Mesa Local de Comercio. Nesta reunión estiveron representadas as asociacións de profesionais e comerciantes existentes no concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro; e Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira Bulevar, de recente creación). Nesta xuntanza tratáronse varios asuntos como a presentación do estudio do comercio que realizou o Concello de Ames e que xa está dispoñible e pode ser consultado por todos os comerciantes de Ames na web municipal www.concellodeames.org. O segundo punto da orde do día recolleu a presentación da sexta edición do programa de animación na rúa que comeza a desenvolverse esta fin de semana no Milladoiro e en Bertamiráns. Por último houbo tempo para atender as propostas, rogos e preguntas dos axentes implicados na Mesa Local de Comercio.

O pasado luns, día 4 de abril, tivo lugar a primeira xuntanza da Mesa Local de Comercio que serviu para a súa constitución oficial, segundo determina a Lei de Comercio Interior de Galicia aprobada no pasado mes de decembro de 2010. Esta lei regula no seu artigo 21 a Mesa Local de Comercio configurándoa como órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración local e os axentes representativos do sector comercial. Dende o goberno municipal considerase de interese para o Concello e máis concretamente para a dinamización da actividade minorista comercial, a constitución da Mesa Local de Comercio.

A orde do día recollíanse tres puntos. O primeiro que se fixo foi dar a benvida a unha nova asociación que se integra dentro da Mesa Local de Comercio. Trátase da Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira Bulevar. A continuación, no primeiro punto, presentóuselles aos axentes implicados na Mesa Local de Comercio o estudio da situación do comercio e hostaleira no Concello de Ames que foi elaborado pola empresa Proxectos, consultoría e formación. Entregóuselle unha copia do mesmo a todos os axentes implicados.

Estudio do comercio

O estudio do comercio que realizou o Concello de Ames xa está dispoñible e pode ser consultado por todos os comerciantes de Ames na web municipal www.concellodeames.org. O Concello de Ames para facer fronte aos cambios que se están a producir nos últimos anos, veu necesario a elaboración dun diagnóstico e dun plan de acción sobre o comercio que existen no termo municipal amiense.

A diagnose e o Plan de Acción Comercial de Ames, ten entre outros obxectivos, o de identificar a problemática do pequeno comercio do concello, de xeito que se propoñen as solucións máis axeitadas, e que aplicadas dunha forma coherente e progresiva, favorecerán un comercio axeitado á demanda existente, así como se propoñen as mellores medidas para que o comercio de Ames evolucione nas condicións máis vantaxosas.

Debullado por sectores este estudio recolle información sobre as características do sector comercial, o asociacionismo, os hábitos de consumo da poboación residente e a valoración da clientela sobre as distintas tipoloxías comerciais. Para a realización da diagnose do sector comercial no concello de Ames, realizáronse un total de 250 enquisas á clientela e 225 enquisas aos comerciantes, divididas entre as dúas zonas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro.

O estudio está elaborado en base a cinco puntos principais como son a oferta comercial, a demanda comercial, a problemática comercial, o asociacionismo e a análise DAFO. A partir destes datos a empresa Proxectos ditou unhas liñas estratéxicas que deberían servir de folla de ruta para todas as entidades e axentes implicados.

O plan de acción é un amplo e extenso documento no que se recollen 9 liñas estratéxicas de actuación divididas por entidades impulsoras, que son por tanto as asociacións comerciais, os propios comerciantes e a administración pública. Algunhas das propostas recollidas no Plan de Acción xa foron postas en marcha por parte do Concello e dalgunha asociación de comerciantes, e as outras serán unha boa ferramenta de traballo non só para o Concello senón tamén para todas as partes implicadas, e dicir, para as asociacións e como non, para os protagonistas do estudo: os propios comercios. A concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, explicou que "por esa razón se lle presentou á Mesa Local de Comercio onde están todas as partes representadas xa que é unha boa ferramenta sobre a que traballar de cara aos vindeiros anos".

Animación na rúa

Outro dos puntos tratados foron a presentación do programa de animación na rúa que se pon en marcha por sexto ano consecutivo co obxectivo de fomentar e dinamizar o comercio local nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. Este programa foi presentado a todos os membros da Mesa Local do Comercio, xa que todas as partes implicadas están representadas nelas, co obxectivo de xuntar os esforzos e aproveitar as vantaxes e as sinerxías deste programa.

Tras a boa acollida de edicións anteriores, e para achegar esta actividade a un sector máis amplo de poboación, este ano preséntase un programa combinado con espectáculos de novo circo e instalación de inchables. Así as prazas de Manuel Murguía, no Milladoiro, e a de Chavián, en Bertamiráns, acollerán a instalación de inchables os días 27 e 28 de maio e o 17 e 18 de xuño respectivamente, entre as 17:00 h. e as 20:00 horas. Esta actividade estará complementada cun animador que percorrerá, nunha bicicleta de tres prazas, as rúas máis comerciais facendo globoflexia.

Como novidade este ano levaranse a cabo espectáculos de clown e malabares nas principais prazas e rúas comerciais. Esta actividade alternarase coa instalación dos inchables e haberá dous pases, un as 17:30 h. e outro as 18:30 horas. Isto serán os días 13 de maio e 10 de xuño no Milladoiro, e o 14 de maio e 11 de xuño en Bertamiráns.

Coma en todas as edicións anteriores o Concello corre cos custos totais do programa, e as actividades terán carácter gratuíto para toda a cidadanía. Esta nova edición desenvolverase durante un total e 8 días dos meses de maio e xuño, repartidos en catro venres no Milladoiro e catro sábados en Bertamiráns.

Composición da Mesa Local de Comercio

O número 2 do artigo 21 regula a composición da Mesa Local de Comercio que debe estar integrada por unha persoa representante de cada unha das asociacións locais de persoas comerciantes e de persoas consumidoras existentes no respectivo municipio e igual número de representantes da Administración local, así como unha persoa representante da Administración autonómica, esta última con carácter voluntario.

Segundo o disposto na lei, na reunión estiveron representadas as asociacións de profesionais e comerciantes existentes no concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmeira, Bulevar), así como a Administración local e a Xunta de Galicia.

Deste xeito asistiron, Juan Carlos Zaera, presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), Alex Righi, tesoureiro da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI), Salome Blanco, empregada da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, e José Manuel Fernández López, presidente da Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmeira, Bulevar.

Por parte da Administración local asistiron o alcalde de Ames, Carlos Fernández, a concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, a concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, o concelleiro de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración, José Miñones, e o concelleiro de Infraestruturas, Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde. Tamén asistiu un técnico do departamento de Promoción Económica do Concello de Ames, Jorge Couñago, unha representante da Xunta de Galicia e un representante da Unión de Consumidores de Galicia.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames presenta un plan de actuación para el comercio"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames presenta un plan de actuación para el comercio"