[13-11-2018] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá este xoves, 15 de novembro, a presentación das dúas últimas coleccións de vestidos de noiva e festa da firma de moda amesá Juana Rique. O desfile, que conta coa colaboración da concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames, desenvolverase ás 20.30 horas e servirá para presentar a colección de vestidos nupciais Carmela. Ademais, Juana Rique desvelará en primicia a súa nova colección de deseños de festa.
A firma amesá Juana Rique estase a converter, nos últimos anos, nunha marca coñecida no mundo da moda nupcial polos seus deseños, que buscan “realzar o corpo feminino sen atalo e vestir a mulleres elegantes e sofisticadas que non queiran deixar de ser elas mesmas”. Con este obxectivo na mente, María e Ana Verde, as dúas persoas detrás desta firma, regresan a Bertamiráns, onde xurdiu a súa aventura coa tenda Mariana, para presentar as súas dúas últimas coleccións.
Así, este xoves, 15 de novembro, ás 20.30h, a firma Juana Rique presentará por primeira vez ante o público a colección de vestidos de noiva Carmela. Formada por unha serie de pezas inspiradas na tía avoa de María e Ana Verde, que recordan á moda da década dos 20, buscan “render unha discreta homenaxe á feminidade, fortaleza e independencia de todas as mulleres que, ao igual que Carmela, aspiran a ser elas mesmas e afastarse de imposicións, tempos e condicionamentos”. Durante o evento tamén se desvelará unha pequena cápsula da súa nova colección, nesta ocasión centrada en conxuntos de festa.
O evento, que conta coa colaboración do Concello de Ames, será organizado pola empresa Clouds Events Wedding Planner. Durante o desfile, Lísola Fotografía encargarase da fotografía e o video, Susiflor-Invernadero dos arreglos florais e Finca Trece Pinos do cátering. En canto á comunicación e coordinación do desfile, esta recae en Rodolfo McArthey e NoQuiero Agencia. Asemade, dende a organización queren mostrar “o agradecemento especial ao Concello de Ames por fomentar e apoiar a moda galega de maneira incondicional”.
Para a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, a presentación da nova colección de Juana Rique “supón un motivo de orgullo que mostra que os amesás poden desenvolver a súa actividade empresarial no municipio, presentar os seus traballos, dar coñecer o concello e crear valor engadido”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Juana Rique rinde homenaje a la feminidad en su nueva colección"