[06-03-2014] O próximo luns, 10 de marzo, ás 20:30 horas, celebrarase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, unha xornada informativa da Factoría de Innovación da Coruña, co obxectivo de dar a coñecer as actividades que se desenvolverán ao redor desta iniciativa. A Factoría de Innovación da Coruña é un novidoso centro de excelencia dedicado ao desenvolvemento do potencial innovador das PEMES e organizacións empresariais da provincia. Nesta xornada intervirán David Cano e Mónica Citores da oficina técnica desta entidade, así como Julio Sánchez, consultor de Factoría de Innovación da Coruña. Esta actividade está dirixida principalmente ás empresas dos concellos de Ames, Brión, Outes, Noia e Teo. Tamén poderán asistir persoas emprendedoras desta zona. É preciso inscribirse para poder asistir a esta xornada. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa desta xornada.
O vindeiro luns, día 10 de marzo, ás 20:30 horas, celebrarase no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, unha xornada informativa impartida pola Factoría de Innovación da Coruña, que está promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Esta Factoría ten o obxectivo facilitar ás empresas a posta en marcha de proxectos innovadores, que contribúan a dinamizar a súa actividade empresarial e mellorar os seus procesos de produción e xestión, favorecendo a implantación de iniciativas de I+D e Innovación.
Durante o encontro presentarase aos empresarios da zona (Ames, Brión, Outes, Noia e Teo) o programa de adestramento individualizado da Factoría de Innovación da Coruña, no que poderán participar 101 PEMES que, coa axuda dun “coach” especializado, serán capaces de identificar, definir e pór en marcha polo menos un proxecto innovador, que lles permitirá ser máis competitivas no sector no que operan. Nesta xornada intervirán David Cano e Mónica Citores da oficina técnica desta entidade, que impartirán a charla titulada “Vender máis e mellor: o reto de innovar”. Tamén intervirá Julio Sánchez, consultor de Factoría de Innovación da Coruña, que ofrecerá unha charla denominada “Innovar en la FDI_CORUÑA. Apúntate”.
Ademais, darase a coñecer o amplo programa de actividades a desenvolver pola Factoría de Innovación na provincia da Coruña, co obxectivo de reforzar a capacidade innovadora das empresas, favorecendo a implantación de iniciativas de I+D+i que dinamicen a súa actividade e melloren os procesos de produción e xestión. Con este fin, darase unha sesión que permita entender o valor deste proceso e algunhas recomendacións prácticas sobre iso.
A participación nestas xornadas, así como en todas as actividades organizadas pola Factoría de Innovación da Coruña, é gratuíta e está aberta a profesionais, empresas, agrupacións empresariais ou institucións galegas que desexen potenciar a súa cultura innovadora. Os interesados deben realizar a súa inscrición enviando un correo electrónico ao enderezo fdi_acoruna@eoi.es ou enchendo o seguinte formulario.





