- Tematica
O Concello de Ames organiza para o vindeiro mércores, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará un acto de recoñecemento ao veciño de Bertamiráns, Antonio López, catedrático de dereito financeiro e tributario pola Universidade de Santiago de Compostela e reitor desa mesma institución dende o 2018. Entregaráselle a medalla do Concello de Ames en recoñecemento a súa carreira académica e profesional, destacando o desempeño do cargo de reitor da USC e a súa promoción do Concello de Ames.
Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional con motivo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar o mércores, 23 de xullo, ás 20.00 horas e estará presentado pola xornalista e presentadora Susana López Carbia.
Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos políticos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal. O acto contará coa actuación de Marcos Valcarcel, músico e violinista.
Entrega da medalla do Concello
Durante o transcurso do acto intervirán o alcalde e voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. Tras a intervención do alcalde, faráselle entrega da medalla do Concello de Ames ao catedrático de dereito financeiro e tributario e reitor da USC, Antonio López.
Antonio López explica que acolleu “con gran sorpresa a nova de que lle van entregar a medalla do Concello de Ames. Acollo esta distinción con enorme gratitude xa que Ames é o meu concello de adopción e creo que a entrega desta medalla é un xesto de gran xenerosidade”. Tamén destaca que “a USC e o Concello de Ames están conectados en diferentes eidos, pero un dos mais importantes é conexión co tecido empresarial e maila posibilidade e xerar sinerxías entre a investigación que se fai nos laboratorios da universidade e nas empresas que está situadas no parque empresarial do Milladoiro”.
Traxectoria de Antonio López
Antonio López é veciño de Ames dende o ano 1991 ata actualidade, residindo no Milladoiro ata o ano 2002 e, dende ese ano, en Bertamiráns. Dentro da súa traxectoria profesional, destaca o seu cargo como reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Previamente, pasou por outros postos importantes dentro da mesma institución. Ademais, á marxe da súa carreira académica, ostentou outros cargos relevantes como conselleiro maior de Contas polo Parlamento de Galicia ata 2010.
Así mesmo, López ten unha longa traxectoria no ámbito académico, realizando numerosas publicacións científicas e estudos relacionados coa súa área de coñecemento. Tamén é membro de diferentes asociacións científicas relacionadas coa súa especialización, o dereito financeiro e tributario.
Veciños/as e entidades coa medalla do Concello
Este acto institucional serve para renderlle homenaxe a Antonio López, que se une así a outros/as relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron en anos anteriores a medalla do Concello de Ames como Borja Golán, a Coral polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo, Ángel Carracedo, Filomena Fraga e Maximino Viaño. O acto pecharase coa interpretación do himno galego.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El rector Antonio López, vecino de Ames desde 1991, recibe la medalla del Concello"
El Correo Gallego: "O reitor da USC, Antonio López, recibirá este mércores 23 a Medalla do Concello de Ames"
Diario de Santiago: "O Pazo da Peregrina acolle o mércores, 23 de xullo, o acto do Día de Galicia no que se lle entregará a medalla do Concello de Ames a Antonio López"





