Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle o luns, 24 de xullo, o acto do Día de Galicia no que se lle entregará a medalla do Concello de Ames á Coral polifónica de Bugallido

Venres, 21 de xullo de 2023

O Concello de Ames está organizando para o luns, 24 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará un acto de recoñecemento á Coral polifónica de Bugallido con motivo dos seus 50 anos de traxectoria musical. Dita coral foi creada no ano ano 1972 na parroquia de Bugallido. O alcalde entregaralle a Xosé Luís Castro Tourís, presidente da coral polifónica de Bugallido, a medalla do Concello de Ames. Ao longo do acto intervirán o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. Tamén haberá unha quenda de intervencións aberta á veciñanza. O músico, Javier Constenla, encargarse de amenizar o evento interpretando ao piano varias pezas musicais, mentres que o xornalista de Ames Radio, Juan Luis Silva, será o encargado de presentar o acto.

Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar o luns, 24 de xullo, ás 20.00 horas. Será presentado polo xornalista de Ames Radio, Juan Luis Silva.

Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos políticos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal. O acto abrirao Javier Constenla que interpretará ao piano a peza musical O Son do Ar. Durante o transcurso do evento tamén interpretará as pezas: Romeiro ao Lonxe, Alalá das mariñas e mailo Himno de Galicia.

Ao longo do acto intervirán o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. Tamén haberá unha quenda de intervencións aberta á veciñanza na que está prevista a participación de Tino Seoane. Trala intervención do alcalde faráselle entrega da medalla do Concello de Ames ao presidente da coral polifónica de Bugallido, Xosé Luís Castro Tourís, que tamén está previsto que interveña no acto.

Este acto institucional serve para renderlle homenaxearase á Coral polifónica de Bugallido con motivo dos seus 50 anos de traxectoria musical. Deste xeito, esta entidade súmase a outros/as relevantes veciños e veciñas de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames como María Victoria Otero Espinar, Ángel Carracedo, Filomena Fraga, Maximino Viaño e Ramón Lorenzo.

O acto pecharase co himno galego, que será interpretado por Javier Constenla ao piano, e cantado polos integrantes da Coral polifónica de Bugallido e por todos os asistentes.

Coral polifónica de Bugallido
Cómpre lembrar que a Coral de Bugallido celebrou a finais do pasado ano a conmemoración do seu 50 aniversario. A coral foi creada no ano ano 1972 na parroquia de Bugallido, en Ames, polo daquela párroco Don Antonio Santomil. Baixo a batuta de Santomil, a agrupación ofreceu numerosas actuacións en distintos puntos de Galicia e Portugal. Non obstante, trala morte prematura do seu director, a coral quedou inactiva.

No ano 1991, grazas á labor de distintas persoas que formaran parte dela con anterioridade, volveuse a poñer en marcha baixo o amparo da Asociación Cultural Antonio Santomil. Na actualidade, a Coral, dirixida por Xosé Ramón Santomil e formada por 31 persoas, participa en certames e festivais ao longo da xeografía galega.

Javier Constenla
O acto contará coa actuación do músico, Javier Constenla, que interpretará diversos temas ao longo do acto. Constenla é titulado superior de música na especialidade de piano, compositor e mestre, veciño de Ames, e figura destacada dentro do circuíto do jazz galego. Recibiu o Premio Especial de Composición da SGAE en 2008 e foi nominado aos Premios María Casares de teatro pola mellor música orixinal en varias ocasións. Tamén foi director da Big Band de Ourense e realizou xiras internacionais formando parte de diferentes proxectos, entre eles o de ser elixido pola Consellería para actuar nos Centros Galegos de Uruguay e Bos Aires. Ademais, participou en xiras por América e Xapón.

Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal.