Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle o acto de presentación do novo equipo do F.C. Meigas para a temporada 2025-2026

Xoves, 21 de agosto de 2025

Esta mañá o Pazo da Peregrina acolleu o acto de presentación do novo equipo do F.C. Meigas para a tempada 2025-2026. Esta é a terceira tempada consecutiva do F.C. Meigas na Segunda Federación Futsal feminina. O club amesán conta cun renovado grupo de 15 xogadoras, das cales 10 son novas fichaxes e 5 mantéñense respecto da tempada pasada. Este mércores, 20 de agosto, comezaron os partidos de pretempada contra o Composala, e durante as dúas vindeiras semanas teñen programados catro partidos máis, que disputarán no pavillón municipal de Bertamiráns. A competición de liga na Segunda Federación Futsal comezará a terceira fin de semana de setembro.

O Fútbol Club Meigas comezou este mércores, 20 de agosto, unha nova temporada co partido de preparación contra o Composala. O club amesán volveu aos adestramentos o pasado día 11 cun renovado grupo de xogadoras, xa que das 15 integrantes do equipo que milita na Segunda División do fútbol sala feminino, 10 son novas fichaxes chegadas de Madrid, Avila, León, Cantabria, Brasil e Colombia. Ademais, mantéñense 5 xogadoras que xa formaban parte do equipo a temporada pasada. Esta é a terceira tempada consecutiva do F.C. Meigas na Segunda Federación Futsal feminina.

O club amesán e o Concello de Ames quixeron mostrar esta mañá o inicio da tempada 2025-2026 cun acto de presentación no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A dito acto acudiron a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís; o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández; a presidenta do F.C. Meigas, Paola Vignolo; o adestrador do F.C. Meigas, Diego Montero; así como a maior parte do grupo de xogadoras, e membros do corpo técnico e directiva do club.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “creo que o lema que tedes Eu son porque somos, reflicte moi ben a vosa filosofía de traballo. Non esquezades que o máis importante é o grupo e que cada unha de vós aportades algo indispensable. Os logros sempre son benvidos, os partidos gañados merecidos pero, independentemente do resultado, o máis importante é o voso esforzo e traballo”.

A presidenta do F.C. Meigas, Paola Vignolo, subliñou que “o F.C. Meigas ten 21 anos de historia e o que nos caracteriza é unha escola de fútbol sala que medra ano a ano. Agora, dende hai uns anos, temos un equipo en alto rendemento, o que é un logro e un orgullo tanto a nivel deportivo coma proxecto de club. Todo isto basease en tres piares: paixón, traballo e compromiso". Deste xeito, tamén resaltou que "este ano fixemos un total de 10 fichaxes, xa que tivemos dende o primeiro momento unha clara e grande aposta por incorporar novas xogadoras que aumentaran a calidade do equipo”.

Na súa intervención, o adestrador do F.C. Meigas, Diego Montero, explicoulles ás xogadoras diferentes aspectos a nivel organizativo, deportivo e técnico para esta vindeira temporada. Así mesmo, quixo poñer en valor o apoio institucional por parte do Concello de Ames ao Fútbol Club Meigas, “non só consiste na axuda económica, moitas veces consiste só en sentirse apreciado. É moi de agradecer que, dende o Concello, sempre estean preto de nós e é algo do que nos temos que sentir orgullosos”.

Partidos de pretemporada
O F.C. Meigas ten programados catro partidos de preparación durante a pretemporada. Todos os partidos xogaranse no pavillón municipal de Bertamiráns. O primeiro disputouno este pasado mércores, 20 de agosto, contra o Composala. O próximo encontro será o sábado, 23 de agosto, ás 20.00 horas, contra o Ourense Ontime B. 

Posteriormente, o sábado 30 de agosto, ás 20.00 horas, o F.C. Meigas xogará contra o Vilalba F.S o partido da primeira xornada da XIX Copa Galicia feminina, sendo así o primeiro partido oficial do curso. Durante a primeira semana de setembro disputará outros dous partidos: o mércores 3 medirase contra o FSF Castro e o sábado 6 contra o Estrela Futsal. A competición de liga na Segunda Federación Futsal feminina comezará a terceira fin de semana de setembro.

Novas relacionadas: 

Diario de Santiago: "O Pazo da Peregrina acolle o acto de presentación do novo equipo do F.C. Meigas para a temporada 2025-2026"

AMSGO!: "Presentación da nova temporada do F.C. Meigas"

O Pazo da Peregrina acolle o acto de presentación do novo equipo do F.C. Meigas para a temporada 2025-2026

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina acolle o acto de presentación do novo equipo do F.C. Meigas para a temporada 2025-2026