Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle o acto de presentación do libro “O pequeno receitario de Lens” que foi elaborado pola Asociación de Veciños de San Paio

Mércores, 30 de setembro de 2015

[30-09-2015] Esta maña o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu o acto de presentación do libro “O pequeno receitario de Lens”, que foi elaborado pola Asociación de Veciños de San Paio de Lens. A este acto asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, así como Dionisio Viqueira, Juan Pérez e Sarah Phillips, membros da devandita asociación. Este receitario está escrito en galego e en inglés. O acto rematou cunha degustación dalgunhas das tortas e biscoitos que recolle o libro.

Onde adquirir o receitario?
Este receitario pódese adquirir poñéndote en contacto coa asociación a través do correo electrónico asociaciondevecinosdelens@hotmail.com; na librería Lenda, que se atopa na praza da Maía, en Bertamiráns; e na tenda Cousas da Terra, situada na praza Horta de Abaixo, bloque 58, tamén en Bertamiráns. A cambio do receitario pídese unha doazón de 6 euros. Todos os fondos recadados son para esta asociación.

O alcalde de Ame, José Miñones, agradeceu “o traballo desta asociación para poñer en marcha o concurso de tortas, a través do cal se fomenta o uso dos produtos de outono, e porque este tipo de actividades serven para unir ás familias e favorecen a convivencia e a relación entre veciños”. O rexedor municipal tamén destacou que “se vai trasladar esta idea a outras asociación municipais para que sumen a organización deste concurso por outras parroquias do concello”.

Neste pequeno libro podes atopar unha colección de receitas dos veciños e veciñas de Lens, que foron elaboradas con produtos do campo de outono, que son tan variadas como ricas. As tortas, biscoitos e postres reflicten a diversidade de talentos e culturais que se achan nunha aldea tradicional do século vinte e un. Un gran numero de receitas inclúen mazás e castañas, os produtos estrelas da tempada de outono. Tamén se usan ingredientes menos comúns, pero non por elo menos ricos, como a cenoria, o calabacín e a remolacha.

Este libro xurdiu despois de que esta asociación de veciños organizase de forma anual tres edición do “Concurso de Tortas”. Segundo explican dende a propia asociación “queriamos reflectir a variedade de tortas que se presentan a este concurso e o gran interese que esperta esta iniciativa entre as persoas adultas e os nenos/as de Lens, e incluso de fóra da parroquia. Durante as tres edicións que levamos organizando este concurso en outono presentáronse arredor de 40 tortas cada ano”.

Para elaborar este receitario houbo que facer un importante traballo de campo e recompilar todas as receitas que se recollen neste libro. Este traballo foi feito polos membros da asociación, principalmente o seu presidente, Dionisio Viqueira, e por Juan Pérez. A encargada de plasmar todas esas receitas no libro foi a escritora Sarah Phillips, que é veciña de Lens e membro da asociación. Sarah Phillips, destaca que “foi un traballo feito en equipo”. Ademais de agradecer o traballo dos seus compañeiros/as da asociación, tamén quixo darlle as grazas a Susana Mayo Redondo, que foi a encargada de realizar os traballos de corrección dos textos que se inclúen no libro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los vecinos de Lens, en Ames, elaboran un libro de recetas de otoño"