Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle o 4 de abril a presentación de “Toponimia de Ames”

Domingo, 03 de marzo de 2019

A Colección Terra Nomeada da Real Academia Galega segue a medrar. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o vindeiro xoves, 4 de abril, ás 20:30 horas, a presentación de Toponimia de Ames, un traballo do filólogo Xosé Ramón López Boullón, que profunda na orixe dos nomes das 11 parroquias amesás e 115 lugares habitados ao aldeas. A obra complétase coas explicacións da orixe doutros 13 topónimos, entre eles o que lle dá nome ao val e a comarca de Ames, A Maía, os de ríos como o Sar e o Tambre ou os de montes como O Mar das Ovellas.

O autor estará acompañado polo alcalde de Ames, José Miñones; a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Ramón Lorenzo; e a presidenta da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) e académica correspondente, Ana Boullón.

As tres entidades, Concello, RAG e AGOn, colaboran nesta edición, que foi posible tamén grazas á colaboración de informantes que acompañaron e axudaron a Xosé Ramón López Boullón a coñecer mellor o territorio de Ames. O filólogo, que formou parte no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia, ten ademais vínculos afectivos con esta terra. Aínda que naceu en Compostela, el mesmo viviu neste concello dez anos.

O volume explica, entre outras moitas cuestións, que malia seren formalmente semellantes os topónimos Ames e A Maía proceden de étimos diferentes, nunha introdución que é un percorrido pola historia destas terras a través dos topónimos, algúns deles de orixe prerromana. Este podería ser o caso, segundo unha das hipóteses manexadas, da parroquia de Agrón, topónimo único en Galicia e que non ten relación con agro malia a aparencia, sinala o autor.

Ligazóns

O Pazo da Peregrina acolle o 4 de abril a presentación de “Toponimia de Ames”

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina acolle o 4 de abril a presentación de “Toponimia de Ames”