Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle mañá a presentación do Campus Experience da Fundación Realmadrid, que organiza a Peña madridista IL Ritrovo de Ames

Venres, 15 de marzo de 2013

[15-03-2013] Este sábado 16 de marzo, ás 12:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, terá lugar a rolda de prensa de presentación do Campus Experience da Fundación Realmadrid. Nesta presentación intervirán o alcalde de Ames, Santiago Amor, o director dos Campus Experience da Fundación Realmadrid, Joaquín Sagués, o presidente da Peña madridista IL Ritrovo, Gustavo Nieto, e o ex-xogador do Real Madrid CF, Amancio Amaro. Durante a rolda de prensa, ofreceranse detalles deste campus, dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 17 anos, que traballa aspectos futbolísticos tácticos e técnicos, ademais de fomentar valores como o compañeirismo, a tolerancia ou os hábitos de vida.

O Campus Experience da Fundación Realmadrid ten como obxectivo achegar aos afeccionados máis novos a experiencia de conectar cos valores, disciplina e adestramento propio dun equipo profesional. O proxecto chega por primeira vez a un concello de Galicia grazas ao traballo e xestións da peña madridista IL Ritrovo de Ames. Este Campus, que está dirixido aos rapaces e rapazas de entre 7 e 17 anos, desenvolverase durante a primeira quincena do mes de xullo (do 1 ao 5 e do 8 ao 12 de xullo).

O Concello de Ames colabora na organización deste Campus, que se desenvolverá durante o mes de xullo, coa cesión de instalacións municipais para o desenvolvemento desta actividade. O obxectivo deste proxecto é trasladar aos máis novos os valores que se asocian ao Real Madrid, como o liderado, autocontrol, traballo en equipo, esforzo e respecto aos demais. A través do fútbol e outras actividades formativas. O Campus fará tamén especial fincapé na importancia da nutrición no desenvolvemento do deportista, para que os participantes melloren os seus hábitos alimentarios, de tal forma que se afagan desde pequenos a manter unha dieta sa e saudable.

No Campus Experience, a combinación de deporte e formación convértese nun proceso educativo intenso e enriquecedor para os participantes. A través da práctica do fútbol e dun variado programa de actividades formativas, divertidas e innovadoras. Na parte deportiva contarase con adestradores da Fundación Realmadrid, licenciados e diplomados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como técnicos deportivos e persoal de apoio. Por outra banda, a parte formativa será impartida por pedagogos, mestres, educadores, monitores de lecer e tempo libre.

Para obter máis información ou descargar o impreso de inscrición poden consultar a páxina web http://campusexperienceames.com/. Tamén poden solicitar información a través do correo electrónico info@campusexperienceames.com.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina acolle mañá a presentación do Campus Experience da Fundación Realmadrid"