Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle hoxe a sexta sesión do ciclo ‘A voltas coas viaxes’

Mércores, 16 de febreiro de 2011

[16-02-2011] O departamento de Filosofía do IES de Ames continúa co seu Ciclo de Exposicións Complementarias que este ano leva como nome xenérico "A volta coas viaxes". Hoxe o encargado de impartir unha nova conferencia será José A. Berriochoa, profesor do IES de Ames, que ofrecerá a charla ‘Viaxes paradigmáticas: Cook e os límites do mundo’ ás 18:30 horas no Pazo da Peregrina, que acolle todas as conferencias do ciclo.

O ciclo está organizado polo departamento de Filosofía do IES de Ames que puxo en marcha esta iniciativa por quinto ano consecutivo. O Concello colabora cedendo o espazo físico para a realización destas conferencias ás que están convidada o conxunto da comunidade educativa amiense e toda a veciñanza.

En edicións anteriores, este Ciclo de Exposición Complementarias xirou arredor de temas como a antiga Grecia, a ciencia, a auga ou o amor. Nestas conferencias participan profesores de todas as disciplinas. Nas sesións anteriores, puidemos gozar de temas como as viaxes espaciais ou guías para non perdernos no ancho mar.

Hoxe en Ames Radio, o profesor de matemáticas José A. Berriochoa adiantounos algo do que ofrecerá na conferencia sobre as viaxes desta tarde. Falou da importancia das viaxes do Capitán Cook para coñecer os límites do mundo, quen durante dez anos de exploración, contribuíu a deixar todo o océano pacífico totalmente cartografado. Estas viaxes marcarían un antes e un despois no coñecemento do mundo.

Estas charlas están dirixidas ás alumnas e alumnos do IES, ás familias, ó profesorado e a toda a veciñanza de Ames, que teñen unha oportunidade para achegarse ao mundo das viaxes. A vindeira charla terá lugar o 23 de febreiro e correrá a cargo de Federico Bouza e o título será ‘Hace cuatro mil años’.

Lucinda Sousa inaugurará o mes de marzo, o día 2, falando dunha "Viaxe dantesca a outro mundo". Para o día 30 do mesmo mes está previsto que Esteban Lestón e Mariel Valiela falen respectivamente de "Viaxes virtuais" e "Viaxes solidarios". Xa no mes de abril, o día 6, Fernando Sainz falará de "Viaxe á barbarie: Gauguin". Para o 13 do mesmo mes está previsto que a profesora Ana Martínez ofreza a conferencia "Outras viaxes: Os estados alterados de conciencia". O 27, Anxo Sampedro, director do departamento de Filosofía e unha das creadoras do ciclo falará de "O periplo de Cartesius".

En maio, o 4, Juan Gil López e Sonia Rohrer exporán o seu traballo "Percorridos sonoros". O 11, Juan C. Yürs ofrecerá a conferencia "Realidade e ficción nas viaxes de Julio Verne". O 18 Margarita Olivar falará de "As mil e unha viaxes" e Mercedes Neira fará unha "Viaxe ao imperio dos sentidos". Esta última sesión do ciclo incluirá, como xa ven sendo tradicional, unha degustación culinaria.