Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle a exposición “Fiando Recordos” da palilleira amesá Ana Rosa Lista

Xoves, 07 de abril de 2022

A Casa Escola Obradoiro Ana Rosa e o Concello de Ames inauguran este venres 8 de abril a exposición de encaixe “Fiando Recordos”, un conxunto de pezas de artesanía e pintura nas que se plasma parte da obra dun dos grandes deseñadores e artistas galegos do século XX, Luis Seoane. A inauguración terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 18:30 horas, mentres que a exposición poderá visitarse do 8 ao 10 de abril, de 11:00 a 20:30 horas. Ademais, a palilleira tamén impartirá dúas charlas sobre a historia do encaixe na fin de semana, ás 19:00 horas.

A palilleira amesá Ana Rosa Lista presenta esta semana a súa exposición “Fiando Recordos”, un proxecto realizado ao longo de tres anos de traballo e que bebe da obra do deseñador, artista e xornalista galego Luis Seoane. O proxecto recolle 17 obras do autor, elaborados cunha mestura de pintura e encaixe, como forma de homenaxe a un dos artistas máis destacados de Galicia no século XX.

A exposición fora estreada en outubro de 2019 no IES Luis Seoane de Pontevedra, ao que Lista cedeu un dos 17 traballos, no que se representaba unha careta pintada por Luis Seoane e que servía de logotipo do centro de ensino pontevedrés. Dende aquela, o Concello traballa coa artesá para expoñer este traballo en Ames, un proceso que se viu dificultado pola situación epidemiolóxica e por diferentes obras de mellora realizados no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

A exposición “Fiando Recordos” estará aberta dende este venres 8 ata o domingo 10 de abril, de 11:00 a 20:30 horas, se ben a inauguración do traballo terá lugar o venres ás 18:30 horas. Xa na fin de semana, Ana Rosa Lista impartirá dúas charlas sobre a historia do encaixe, o sábado 9 e o domingo 10, a partir das 19:00 horas. Unha vez rematada a exposición, as obras viaxarán ata Barcelona, onde poderán verse no Museu d’Arenys de Mar, do 21 de abril ao 31 de maio.

A artista amesá Ana Rosa Lista, formada na Escola Holandesa do Encaixe, ten realizado cursos de mestras tan destacadas como son Mariña Regueiro e Lia Baumaister-Jonkers. Imparte aulas na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa situado nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño, así como no local social da Tarroeira, na mesma parroquia, e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ademais tamén realiza obradoiros e charlas en diferentes puntos da xeografía galega, española e en países europeos.

Os seus traballos beben de tradicións tan dispares como a galega, a holandesa, a rusa ou a italiana, combinadas con técnicas máis modernas e novidosas. A artista amesá foi a gañadora do II Premio do 1º Concurso de deseño de Encaixe de Camariñas – Xacobeo 2010, así como do 1º Premio de Exaltación do Traxe Galego Antigo (1895) no ano 2012. Tamén participou en varias ocasións na Mostra Internacional “Rendas de Bilros” en Peniche, á que volverá este ano, nos días 15, 16 e 17 de xullo.

Na actualidade, a palilleira está envolta en novos proxectos e colaboracións, entre as que destaca un traballo inspirado na obra da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que documentou para a Hispanic Society of America a vida en Galicia de comezos de século XX, e pola que coñecemos a día de hoxe unha parte importante da nosa historia recente.

O Pazo da Peregrina acolle a exposición “Fiando Recordos” da palilleira amesá Ana Rosa Lista

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina acolle a exposición “Fiando Recordos” da palilleira amesá Ana Rosa Lista