[17-06-2011] A sala de exposicións do Pazo da Peregrina acolle do 16 ao 29 de xuño a exposición das obras que veñen de participar no "XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo" organizada pola Deputación da Coruña. Esta exposición de carácter itinerante recolle obras de diverso tipo de manifestacións plásticas: pinturas, esculturas e fotografías. Obras de distintos estilos e temáticas, que integran un ecléctico escaparate das tendencias, vangardas, e estilos da arte actual de artistas tanto galegos coma nacionais e internacionais. Todos os e as amienses que desexen gozar con este percorrido polos traballos desta mostra poden visitar a sala de exposicións do Pazo da Peregrina no horario habitual de luns a venres de 17:00 h. a 20:00 horas.


Con este Certame, o organismo provincial pretende render unha sincera homenaxe a Isaac Díaz Pardo, nas súas facianas tanto de artista, como de creador e intelectual. Así mesmo, o obxectivo é promover e impulsar o patrimonio artístico da provincia nun dos seus aspectos fundamentais: o apoio á cultura galega a través dos seus creadores. O concurso ten carácter bianual e xa vai pola súa XI edición, sendo un premio de referencia no seu campo en Galicia, ao cal se destinan 45.000 euros para adquirir as obras seleccionadas polo xurado que pasan a formar parte dos fondos da colección da Deputación da Coruña integrándose dentro do noso patrimonio artístico. Esta exposición de carácter itinerante recolle obras de diverso tipo de manifestacións plásticas: pinturas, esculturas e fotografías. Obras de distintos estilos e temáticas, que integran un ecléctico escaparate das tendencias, vangardas, e estilos da arte actual de artistas tanto galegos coma nacionais e internacionais. A mostra permanecerá aberta ao público no Pazo da Peregrina no horario habitual de 17:00 a 20:00 horas.
Segundo a organización, o XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo vén a ratificar o importante papel que xogan as institucións á hora de apoiar e fomentar o coleccionismo. Un papel que se acrecenta e adquire novas dimensións en tempos de crise. Entre as adquisicións e os artistas que conforman a mostra, Nono Bandera, é unha referencia nacional no terreo do apropiacionismo. A súa estratexia consiste en apropiarse de traballos xa feitos para repintalos e dotalos de novos significados. Jorge Perianes, un artista novo cunha traxectoria brillante, revisita a tradición da pintura occidental para elaborar unha particular imaxinería na que os insectos, as vanitas ou mesmo a destrución serven como punto de partida para redactar unha linguaxe absolutamente persoal. Juan Carlos Meana utiliza a fotografía para introducirnos nunha paisaxe na que os mastros funcionan como intrusos nunha natureza inquietante chea de contidos subliminais. Tamara Feijoo recorre ao debuxo, unha linguaxe que domina maxistralmente, para crear unha serie de autorretratos nos que o humor ou mesmo a ironía fannos cuestionar tradicións firmemente asentadas na nosa longa e densa memoria cultural.
Todos estes artistas poden servir como un resumo da carta de presentación, como un índice que representa a unha nómina bastante máis ampla de fantásticos creadores: Itziar Ezquieta, Stephane Gerard Lutier, Helena Segura Torrella, Anne Heyvaert, Mónica Cobo, ou Eduardo Valiña, entre outros. Os obxectivos xerais deste certame e da conseguinte exposición son impulsar a creación artística en todos os seus ámbitos e estimular a aparición de novos talentos na provincia, dentro da ampla e diversa acción cultural da Deputación da Coruña. A exposición itinerante percorre en cada edición unha decena de concellos da provincia da Coruña. Deste xeito conséguese dar prioridade a dúas cuestións de grande importancia para os artistas que concorren ao premio: a oportunidade de que as súas obras sexan seleccionadas polo xurado e adquiridas pola Deputación, e a posibilidade de que estas teñan unha ampla difusión en toda a provincia grazas ao numeroso público que visita as exposicións.




