[01-12-2011] Esta semana chega a Ames a exposición de escultura Sentimentos da artista Gely Quintas. Esta mostra estará exposta no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 1, 2, 3, 12, 13, 14, 15 e 16 de decembro. A exposición poderase visitar de luns a venres, en horario de 17:00 h a 20:00 horas, e os sábados de 12:00 h a 14:00 horas. Os domingos e festivos estará pechada. Todos os interesados/as nesta arte poderán ver diferentes obras feitas en pedra, madeira, bronce, mármore e aceiro. Aínda que a exposición xa se pode visitar dende o 1 de decembro, a inauguración oficial realizarase o vindeiro venres, 3 de decembro, ás 18:30 horas.
O Pazo da Peregrina acolle a partir do día 1 de decembro unha exposición da artista ourensá, Gely Quintas. Baixo o título de Sentimentos a mostra recolle diversas esculturas de pedra, madeira, mármore ou cobre. Gely Quintas estudou debuxo e pintura na Escola de Artes e Oficios, así como deseño e patronaxe industrial e debuxo e pintura co pintor vigués "San Luís". Tamén foi discípula do escultor Xosé Antúnez Pousa e estudou talla en madeira co mestre tallista Manuel Zarauza.
No tríptico da mostra o artista Xan Vieto, dedícalle un artigo a Gely Quintas, a que define coma unha artista en busca do seu camiño. Segundo Vieto "Gely Quintas elixiu como medio de expresión as artes plásticas e dentro delas a escultura. Nesta disciplina traballa constantemente para conseguir o dominio dos materiais e das técnicas. Pouco a pouco foi arrincándolle os seus segredos á madeira, á pedra, ao bronce, etc. e trasladándolle a súa enerxía. Pero a arte está máis alá do dominio das técnicas e o artista ten a necesidade imperiosa de trasladar de maneira fluída as emocións da súa alma aos materiais que emprega, transformándoos en obras de Arte. Deste xeito, cada unha das obras é un anaco de si mesmo. É a través destas emocións transferidas como o artista conecta co espectador da súa obra. Sentimentos é, sen dúbida, a expresión do momento actual de Gely, un conxunto de obras que lle trasladan ao espectador a loita interna na busca do seu camiño coma artista".

A mostra recolle creacións que foron feitas entre o ano 2007 e 2011. Algunhas das obras que se expoñen en Sentimentos xa formaron parte doutras mostras pero tamén hai obras inéditas creadas exclusivamente para esta exposición. Segundo manifesta Gely Quintas "a través desta exposición preténdese establecer un diálogo entre a escultura e o espectador que a observa". A principal novidade que se inclúe nesta mostra é unha fotografía da propia autora. Todas as persoas que estean interesadas en adquirir algunha das obras feitas por Gely Quintas pódeno facer e, para iso, deben consultar o catálogo da exposición.





