A Asociación Terras de Compostela acordou ser ente xestor do Destino SICTED e empezar un plan de formación e cualificación dirixido a empresas e profesionais vinculados ao sector turístico, baixo a metodoloxía do proxecto SICTED. Deste xeito, este xoves, 4 de abril, en horario de 10.00 a 11.30 horas, vaise impartir no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, unha sesión informativa sobre a Calidade turística en destino. O Concello de Ames colabora con dita asociación na organización desta sesión informativa. Posteriormente, desenvolverase un plan de formación, segundo a metodoloxía SICTED, de 28 horas colectivas de formación e 6 horas impartidas de forma individual. Esta xornada está dirixida a empresas dos concellos que forman parte do GDR 19 Terras de Compostela.
Un dos principais retos aos que se enfronta o GDR Terras de Compostela é poñer en valor e converter o rural nun destino de reclamo turístico de calidade para os visitantes e turistas. O ámbito de actuación do GDR Terras de Compostela é un destino de gran atractivo e o sector turístico é clave para a promoción económica do territorio ben sexa xerando emprego, creando novos servizos ou profesionalizando os xa existentes. Para iso é fundamental crear unha “imaxe de marca”, na que os diferentes servizos vinculados ao turismo sexan de gran calidade, dentro dun mesmo destino, que non se aprecien diferenzas de servizo substanciais entre os diferentes axentes que compoñen a oferta turística no territorio que poidan condicionar a percepción e a satisfacción dos turistas e visitantes.
Para iso é imprescindible unha profesionalización e cualificación dos diferentes empresarios que dalgunha maneira están vinculados co sector turístico: establecementos de aloxamento e restauración, adegas, empresas de servizos turísticos, museos e centros etnográficos, oficinas e puntos de información turística, artesáns, turismo industrial…
Na reunión da Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación Terras de Compostela, celebrada o pasado 23 de xaneiro de 2019, tomouse o acordo de que o GDR Terras de Compostela sexa ente xestor do Destino SICTED baixo a tipoloxía “Turismo Rural”. Convertendo así o o seu territorio de actuación na segunda comarca rural de Galicia como destino e a primeira da provincia da Coruña, feito que sen dúbida reforza o empoderamento dos GDR e a súa contribución ao desenvolvemento integral do rural.
Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino
O Sistema Integral de Calidade Turística Española En Destinos (SICTED) é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido polo Instituto de Turismo de España (TURESPAÑA) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con empresas e servizos turísticos de ata 35 oficios diferentes (tipoloxía de establecementos/empresas que se poden acoller a este sistema), co obxectivo último de mellorar a experiencia e satisfacción do turista. O obxectivo do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino é alcanzar un nivel de calidade homoxéneo dentro dun mesmo destino.
O obxectivo xeral do proxecto é formar aos empresarios e profesionais dos distintos sectores que presten servizos ao turista/visitante para a súa profesionalización e contribuír á creación do destino turístico de calidade no territorio. Os concellos de Ames, A Baña, Brión, Boqueixón, Negreira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra, compoñen e conforman o territorio GDR 19 dentro da Medida Leader 2014-2020. Un grupo de desenvolvemento rural que é xestionado pola asociación Terras de Compostela, responsable tamén de elaborar a estratexia de desenvolvemento local participativa (EDLP) do programa LEADER.
Deste xeito, este xoves, 4 de abril, de 10.00 a 11.30 horas, o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acollerá unha sesión informativa sobre o proxecto Sistema Integral de Calidade Turística Española En Destinos (SICTED). Esta xornada está dirixida a empresas dos concellos que forman parte do GDR 19 Terras de Compostela. Posteriormente, desenvolverase un plan de formación, segundo a metodoloxía SICTED, de 28 horas colectivas de formación e 6 horas impartidas de forma individual. Nesta sesión informativa e no plan de formación poderán participar axencias de viaxe, albergues, aloxamentos rurais, artesáns, bares e cafeterías, adegas, cámpings, comercios, empresas de alugueiro de vehículos e embarcacións, empresas e turismo activo, etc.





