Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle este xoves a presentación do libro Contrapicados da escritora amiense Mariña Pérez Rei

Mércores, 04 de xullo de 2012

[04-07-2012] A última obra da escritora amiense Mariña Pérez Rei preséntase este xoves, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina. Este acto está organizado polo Concello de Ames e Sotelo e Blanco Edicións. Á presentación asistirán a autora do libro, Mariña Pérez Rei, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, e a directora da colección Medusa Narrativa, Ánxela Gracián. A presentación deste libro contará co acompañamento musical do clarinetista Andrés Pérez Fernández. Este acto enmárcase dentro das actividades coas que o Concello de Ames intenta apoiar e promocionar os creadores e creadoras amesáns.

O Pazo da Peregrina será este xoves o escenario da presentación do libro Contrapicados. A autora, Mariña Pérez Rei, estará presente para falar sobre esta obra que se acaba de publicar. Tamén a acompañará Ánxela Gracián, directora da colección Medusa Narrativa. Xunto con elas estará a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín. Ademais, o clarinetista Andrés Pérez Fernández poralle o acompañamento musical a este acto que está organizado polo Concello de Ames e Sotelo Blanco Edicións. Mariña Pérez Rei é nativa da parroquia amiense de Agrón e participou como xurado nas edicións de 2010 e 2011 do Certame Literario do Concello de Ames.

Trátase dunha novela coral na que se cruzan personaxes dispares observados desde un igualador ángulo límite. A cama é un obxecto que gaña co claroscuro. Os pacientes dun hospital saben que a intimidade se desprende ao xeito dunha gran carapola, ao tempo que van nacendo moitas emocións lentas e algunha que outra vertixinosa. Un ataque de indignación e imbecilidade pode chegar a consumir trescentas calorías. A pituitaria e a amígdala son dúas grandes descoñecidas. O frío é branco porque as sinestesias suceden; ademais, non é verdade que a auga sexa insípida: sabe a sede. E por suposto, hai partes do corpo que nin sequera sospeitamos que existen.

Os personaxes masculinos ulen a carballo rebolo; os femininos, a figueiras novas e a tinta roubada. A cámara enfoca os seus rostros e convérteos en personaxes contrapicados, secundarios ou relevantes, imperfectos ou sublimes, pequenos cameos que saen ao paso dun narrador omnisciente e irresponsable que abandona as súas funcións. A súa memoria é unha ollada impresionista que, con pinceladas breves, nos recorda que calquera tempo pasado foi moi mellorable.

A autora

Mariña Pérez Rei, escritora amesá establecida na cidade de Santiago de Compostela, é licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no IES de Brión. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acadou o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula; no 2009 publicou o libro de poesía artesanal en edición limitada: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel, no ano 2010 publicou o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresou na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, editada pola Editorial Toxosoutos.