[03-11-2011] O Concello de Ames en colaboración coa Asociación Galega de Arte e Cultura organizan o encontro artístico Mestizarte, que terá lugar este venres 4 de novembro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Todas as persoas que asistan a este acto poderán gozar dunha mostra de pintura, escultura e fotografía, que estará exposta nunha das salas de exposición do Pazo da Peregrina entre o 4 e o 17 de novembro. Por outra banda, haberá concertos a cargo dos grupos Salteñita y Jaime, Paraíso Caribe ou do cantautor Miguel Alonso. Ademais, pequenos e adultos poderán participar en diferentes obradoiros musicais, de pintura, collage e barro. Como colofón haberá unha actuación de danza a cargo da compañía de danza contemporánea Bstudiodanza.
A poboación inmigrante empadroada no Concello de Ames multiplicouse por dez durante a última década. Deste xeito reflíctese unha realidade social que está en continuo movemento e na que se contempla a diversidade étnica, cultural e lingüística dun novo marco de convivencia. Cunha sociedade cada vez máis diversa e complexa é necesario conseguir unha convivencia intercultural en todos os ámbitos da vida. Co obxectivo de contribuír a integración da poboación inmigrante que reside no termo municipal de Ames organízase o encontro artístico Mestizarte, que terá lugar este venres 4 de novembro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Esta integración farase a través de diversas artes como son a pintura, a escultura, a fotografía, a música ou a danza.
Neste encontro artístico poderase gozar dunha exposición de pintura, escultura e fotografía. Esta mostra estará exposta nunha das salas de exposicións do Pazo da Peregrina entre o 4 e o 17 de novembro. Os e as artistas que expoñen os seus traballos nesta mostra son A. ElBelay, Aurora González Pombo, Bill Walls, Carmen Sevillano, Carmen Torres, Constantino Cuesta, David Alberto Plana Padilla, Esther Molinero, Fran Lareo, Isabel Andrés, Javier Muntaner, Jesús Pereira "Suly", Juan Fontecha, Laíño, Larbí, Mª Carmen Calviño, Arina "Cocós", Pepa Mariño, Pilar Feás, Russ Vickers e T. N. Miers.
Todos os e as amienses que desexen gozar con este percorrido polos traballos desta mostra colectiva de arte poden visitar a sala de exposicións do Pazo da Peregrina no horario habitual de luns a venres de 17:00 h a 20:00 horas, ou durante a fin de semana, os sábados de 12:00 h a 14:00 horas.
Ademais da inauguración desta mostra, neste encontro artístico haberá actuacións musicais e obradoiros. A música comezará da man do cantautor Miguel Alonso ás 19:00 horas. Ás 19:30 h actuará o grupo Salteñita y Jaime e as 20:00 horas o grupo Paraíso Caribe. De xeito simultaneo poderase participar en diversos obradoiros. Deste xeito ás 19:30h, Marco Antonio Garista Mondragón, impartirá o obradoiro Musicalización de contos, situacións cotiás e improvisación, que está dirixido a nenos/as a partir de 6 anos. Para participar neste obradoiro é conveniente que cada neno/a leve o seu instrumento.
Os monitores da Asociación Galega de Arte e Cultura serán os encargados de impartir un obradoiro de pintura, collage e barro. Este obradoiro está dirixido a todos os públicos. Por último, ás 20:00 horas, Manuel Alonso impartirá un obradoiro de guitarra, que tamén está dirixido a todos os públicos. Como colofón a este evento haberá unha actuación de danza a cargo da compañía de danza contemporánea BStudiodanza. Todas as actividades realizaranse no interior do Pazo da Peregrina.




