Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle este venres, 27 de abril, un encontro de participación cidadá para a elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia

Martes, 24 de abril de 2018

[24-04-2018] O Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, acolle este venres, 27 de abril, un encontro de participación cidadá, que se enmarca dentro do proceso de participación pública para a elaboración da Estratexia de infraestrutura verde de Galicia, posto en marcha polo Instituto de Estudos do Territorio, da Xunta de Galicia. Dito encontro estará aberto a calquera persoa, asociación, entidade, etc. dos concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra, que desexen tomar parte.

A Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia é unha ferramenta que, mediante solucións naturais, consegue eficazmente unha serie de obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais. Os recursos dos que dispoñemos na natureza non son inesgotables, polo que a súa explotación e uso debe ser sostible e proporcional. Na práctica, a infraestrutura verde constitúe unha rede de zonas naturais e seminaturais planificadas estratexicamente, ademais doutros elementos ambientais, cuxo fin é xestionar os servizos proporcionados polos ecosistemas da forma máis sostible en termos ambientais e económicos. Esta práctica pódese dar tanto en entornos rurais coma urbanos.

Para elaborar dita Estratexia estanse organizando unha serie de encontros de participación cidadá, que se enmarca dentro do proceso de participación pública. O Pazo da Peregrina é un dos lugares que acolle unha destas xuntanzas de traballo. Pola mañá a xornada estará dirixida a persoal político e técnico, mentres que pola tarde é aberta a toda a veciñanza, así como a asociacións, dos concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra, que queira participar. Estes encontros serán o espazo para que distintas organizacións, entidades e institucións dun mesmo territorio comenten diferentes cuestións sobre a Infraestrutura Verde.

Vaise a realizar un encontro por comarca que estará dividido en dúas sesións. Unha de tipo institucional, para persoal político e técnico, e outra de tipo social, para asociacións e particulares, adaptando as dinámicas á tipoloxía de cada sesión. Ao igual que nos encontros sectoriais, existirá unha parte informativa na que se levará a cabo unha exposición da Estratexia de Infraestrutura Verde para achegar o concepto e o proceso de participación pública dun xeito máis próximo. Tamén unha parte participativa, na que se empregarán diversas ferramentas.

Máis información sobre os encontros
Toda a información relativa a este proceso está dispoñible na páxina web http://infraestruturaverdegalicia.gal/. Calquera persoa interesada en participar pode tamén rexistrar o seu interese en participar e será informada do encontro que corresponda ao seu concello: https://goo.gl/mT6aVe Do mesmo xeito, todas aquelas persoas que non poidan asistir aos encontros presenciais poderán facer as súas achegas mediante unha consulta pública dixital que estará dispoñible no mesmo espazo web.

Calquera dúbida en relación a este proceso participativo pode ser dirixida por correo electrónico a infraestructuraverde.iet@xunta.gal, ou por teléfono no 608 201251. Tamén que existe un espazo en Facebook no cal se irá dando conta das novidades deste proceso: https://www.facebook.com/InfraestruturaVerdeDeGalicia/

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "El Pazo de A Peregrina acoge un encuentro de participación ciudadana para la elaboración de la Estrategia de Infraestructura Verde de Galicia"