[22-05-2014] Maio é o mes das Letras Galegas. O Pazo da Peregrina acolle este venres 23 de maio, ás 21:00 horas, unha sesión de contacontos, poesía e música en torno á vida e á obra do poeta Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O espectáculo, que ten unha duración aproximada de 50 minutos, correrá a cargo da compañía Xandobela. Trátase dunha actividade para todos os públicos, con entrada de balde, e que serve para rematar a programación das Letras Galegas no Concello de Ames.
Esta semana rematan as actividades que preparou a Concellaría de Cultura para conmemorar o mes das Letras Galegas no Concello de Ames. O Pazo da Peregrina acollerá este venres, 23 de maio, o espectáculo Lembranzas de Díaz Castro, que correrá a cargo da compañía Xandobela. A través de contacontos, de música e de poesía achegarémonos á vida e á obra do poeta Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas neste ano 2014.
O Consello de Galegos Ilustres leva dez anos póndolle voz aos persoeiros homenaxeados no Día das Letras Galegas nunha intervención que combina charla didáctica e recital, que permite coñecer a vida e a obra dos ilustres das nosas letras dunha maneira empática e accesible para todas as persoas interesadas.
O formato é sinxelo: o Señor Ilustre é a Voz. O Músico Ilustre é a Escenografía sonora. O señor ilustre é Brais Fernandes Álvares, educador sociocultural adicado á didáctica da cultura dende Compostela con grandes e pequenos, mentres que o músico ilustre é Xavier Mugardos, autodidacta da guitarra e poesía que comezou a musicar aprendéndolle aos meniños e escoitando a natureza, e que conta con non poucos traballos orixinais recollidas en 5 discos.
Espectáculo apto para todas as idades
Nesta ocasión o Consello de Galegos Ilustres, tráenos a voz de Xosé María Díaz Castro, un rapaz de aldea, coma quen di un ninguén, galego falante nativo que era quen de entender grande parte das linguas de Europa, tradutor e poeta. O espectáculo é apto para persoas de todas as idades e condicións, sen necesidade de experiencia nin coñecementos previos, se ben, é máis adecuado para un público de dez anos en diante.
A través desta actividade preténdese achegar, de forma lúdica, a figura de Xosé María Díaz Castro á veciñanza amiense; xerar e fortalecer dinámicas creativas de interacción encol da arte, facendo especial fincapé na dimensión literaria; ofrecer outro punto de vista á hora de estudar a figura do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas e fomentar a simpatía e achegamento á cultura e á lectura.
En definitiva, a proposta do Concello, igual que en anos anteriores, é promover unha actividade participativa e artística que posibilite un achegamento vivenciado á figura de Xosé María Díaz Castro, mediante a que cada participante poida elaborar a súa propia visión do persoeiro. Esta actividade está dirixida a todos os públicos. A entrada é de balde.




